Nas semanas finais de abril e primeiras de maio, as costas galegas son cruciais para miles de viaxeiros. Unha sorte de convocatoria silente fainos desfilar ante os nosos ollos, se sabemos velos. Van lixeiros de equipaxe, estritamente co posto. Tan só o que poden portar con eles, sen ningún tipo de accesorio alleo ou artificio, fóra da súa experiencia e o seu saber innato. Non manexan axudas á navegación nin escoitan parte meteorolóxico algún, distinto do zoar dos ventos e o son da marusía, ou da falta deles. Non dependen de organización ou servizo algún de terceiros para cumprir cos seus plans de ruta, tan só precisan atopar refuxios tranquilos, para descansar os músculos esgotados, e algo de comida doada de tomar.
Nada de sofisticadas preparacións, un simple petiscar o que haxa, para recuperar as forzas e seguir viaxe canto antes, sen demora. Ata hai unhas décadas, esta cerimonia da primavera podía repetirse con seguridade, sen máis atrancos que o perigo dalgún salteador oportunista, capaz de frustrar os plans. Fóra diso, as súas ribeiras preferidas estaban sempre aí, tapadas ou descubertas ao ritmo da Lúa. Incluso había lugares privilexiados, como a lagoa da Frouxeira, que os esperaba cos seus areais abertos e as súas lamas ricas en vida. Mais nos últimos cincuenta anos, demasiados cambios comprometeron o seu salto de continentes. Primeiro foron as escopetas, a mediados do século XX, logo o formigón ou o asfalto taparon algún dos seus recantos preferidos. Despois, o nunca visto, humanos paseando ou correndo por beiras de praias, esteiros, cruzando dunas, moitas veces acompañados por cans sen amarre. Estes días as aves limícolas están a pasar canda nós. Tratémolas ben.