O programa da XVI Feira Rural de San Sadurniño vén cargado de ocio para todos os gustos
SAN SADURNIÑO
Nesta edición desfrutarase de obradoiros, kaiak e música
29 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá, sábado 30, poderase desfrutar en San Sadurniño dun amplo programa de eventos na décimo sexta edición da Feira Rural da localidade. Ao longo do día estará habilitado un expositor do Concello con información xeral sobre a feira, xunto con información turística sobre as rutas, o proxecto Terra de Vida e Xeoparque do Cabo Ortegal; ademais, neste expositor tamén se realizarán todas as inscricións para as actividades programadas. A xornada arrinca ás 10.00 horas coa apertura do mercado, no que atoparán produtos de agroalimentación, artesanía, viveiros, maquinaria e segunda man. Despois da estrea do mercado, ás 11.30 horas comezará a visita guiada á horta de froiteiras, que incluirá un obradoiro de enxertado e de poda de verán. Tamén a esta hora iniciarase o primeiro descenso en kaiak da xornada. «Aproveitamos o río Xubia para estes paseos en kaiak, que son quizais o momento máis familiar do día», explica Manuel Varela, concelleiro de Desenvolvemento local e Xestión interna. Ás 12.00 dará comezo a programación musical, coa actuación da charanga tradicional Faíscas da Pontraga, que se encargarán de amenizar a feira tocando por todo o recinto.
Pouco despois, ás 12.30 comezará a visita guiada ao colmear didáctico, en colaboración coa Casa do Mel de Goente. Xa pola tarde, ás 16.30 empezará o Monográfico da Raza Can de Palleiro, cuxo obxectivo principal é apoiar o labor das persoas propietarias e favorecer a recuperación desta raza canina autóctona. A esta mesma hora terá lugar a segunda baixada en kaiak polo río Xubia. Ademais, repetiranse as visitas á horta de froiteiras (ás 17.30) e ao colmear didáctico (18.30). A clausura oficial desta décimo sexta Feira Rural chegará ás 20.00.