Un arousán gaña o concurso de contos Vila de Pontedeume

A. C. PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

Xerome Vence Nieto, o gañador do certame (cun agasallo na man e chaqueta verde), onte na entrega do premio
Xerome Vence Nieto, o gañador do certame (cun agasallo na man e chaqueta verde), onte na entrega do premio CEDIDA

O premio está dotado con 600 euros e unha luguesa levou un accésit

18 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xerome Vence Nieto, de Vilagarcía de Arousa, foi o gañador do trixésimo terceiro Concurso de Contos Vila de Pontedeume. Recibiu 600 euros polo texto «O ollo púrpura». O xurado outorgoulle un accésit á luguesa Rosalía Bernárdez Riopedre polo relato «Perspectiva».

Da obra gañadora, o xurado destacou «a súa calidade formal e o estilo, fiado en canto á estrutura narrativa; unha homenaxe á oralidade, con vontade de reflectir a fala popular, directa e sen filtros, que consegue un equilibrio entre a viveza da narrativa oral e unha complexa estrutura, case cinematográfica».

Sobre o texto distinguido cun accésit, subliñou «a complexidade narrativa, a potencia das imaxes, un lirismo cargado de misterio e un final sorprendente». Formaron parte do xurado Antonio Manuel Fraga Allegue, Cristina Fraga López, Brais Rey Campos e Rocío Tenreiro Villar, con Esther Leira Penabad como secretaria.

A entrega tivo lugar onte, Día das Letras Galegas, no salón de plenos do consistorio local, coa presenza do alcalde, Bernardo Fernández; a concelleira de Cultura, Ángela Piñeiro; a responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Esther Leira; o o escritor eumés Antonio Fraga.

Os dous relatos serán publicados no ano 2026, xunto cos contos gañadores e merecedores de accesits nas edicións de 2021 e 2025, nun libro editado polo Concello, que xa será o sétimo desde que naceu este certame literario.