Fernando Barallobre, comerciante de Pontedeume xubilado: «Un negocio resiste se se vai adaptando aos tempos»

ANA F. CUBA PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

JOSE PARDO

Fundou Cacharreira hai 43 anos, acábase de retirar e di que sempre hai que estar preparado para caer

04 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Fernando Barallobre Vales naceu en Leiro, Abegondo, hai 66 anos, pero recoñécese eumés. «Vin para Pontedeume con once anos e fixen aquí toda a miña vida», subliña. Estudou Empresariais mentres traballaba e acabou alugando un local ao pé dunha tenda pequena que tiña súa tía —«era como unha nai»—, no ano 1979. Así naceu Cacharreira, que pasou da rúa Pescadería a unha esquina da Inmaculada e despois a un baixo máis grande na Pescadería. Ata dar co seu emprazamento definitivo, na rúa Real, onde mercou o actual establecemento hai vinte anos. Xubilouse hai uns días (a súa muller e a súa nora continúan ao fronte do negocio) e deixou tamén a presidencia da Unión de Comerciantes e Autónomos (UCOA).

—En máis de 40 anos todo cambiou moito.

—Si, eu funme aclimatando aos tempos. Empecei cunha ferraxería, despois foi un bazar, logo puxéronse de moda as casas de decoración... e acabei no regalo variado. Collín a apertura de Alcampo, das grandes superficies, dos chinos... Funme readaptando, segundo os tempos.

—Esa é a fórmula para manterse?

—No comercio de Pontedeume, os que resistimos tantos anos é que fomos evolucionando. Un negocio de tanto tempo... ou varías ou te quedas atrás.

—Viviu épocas de bonanza e de decadencia.

—A reconversión industrial pilloume no cambio a un local máis grande, cun aluguer máis caro... non contaba, e foi terrible o impacto na comarca. Recordo ás mulleres dos traballadores chegar á tenda a ver se lles deixaba levar unha pota... Logo veu o auxe, a comarca foise recolocando, e houbo baixóns. O asunto é volver arriba cando estás abaixo, sempre se hai que preparar para a caída. O momento máis doce foi hai vinte anos, vendíase de cine.

—Como ve a situación actual?

—As redes sociais son o futuro, o que non as domine vai ser arrasado, eu mesmo me apuntei a un curso, xa xubilado (risos).