Din que destruirá o camiño que bordea a ría e que vai cara a Eirís A actuación no litoral está presupostada en 2,5 millóns de euros
08 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.?eciños da parroquia de Eirís, en Cabanas, están recollendo firmas en contra do proxecto de Costas para construír un paseo fluvial de máis dun kilómetro de lonxitude entre a ponte de pedra de Pontedeume e a da autopista sobre a ría. A senda aproveitará un camiño asfaltado que usan os veciños de Eirís e que vai cara a esa parroquia e o cemiterio de Cabanas. O proxecto atópase a exposición pública e custará 2,5 millóns de euros. Un portavoz dos opositores explicou que están de acordo co paseo fluvial, pero non con que afecte ao camiño que utilizan agora. A actuación prevista pasa por deixar un carril de tres metros para as bicicletas e outro de catro metros para vehículos e peatóns, segundo consta no deseño facilitado por un dos afectados. Os veciños non están de acordo con que nun paseo fluvial convivan as bicis, cos coches e os peatóns. Amén de que se reducirá o espazo para o tránsito de vehículos. O portavoz do colectivo veciñal denunciou tamén que nin Costas nin o Concello pediron a súa opinión sobre o proxecto. De momento recolleron xa trescentas firmas, coas que pedirán á Demarcación que reconsidere a actuación no litoral de Cabanas.