Entre rías

Xan Rodríguez- Silvar EN POSITIVO

ORTIGUEIRA

09 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguro que cada quen terá unha ría no seu imaxinario, un mar interior a evocar; eu teño tres amores. A última en chegar foi a de Arousa, na que surco as augas cada pouco grazas ás aves e á amizade, unha longa bolsa pechada polo arquipélago de Sálvora, cun contrapunto da paisaxe humana de tellas árabes e o marco do Barbanza. O bote que me leva regálame arroases, dornas e corvos mariños, illotes mergullados e descubertos pola marea teimuda. A de Ortigueira e Ladrido foi antes, cando na mocidade toquei a gaita en festas de todas as súas parroquias, seguindo camiños infindos ata a igrexa e o campo da festa. Volvín logo de ornitólogo a acariñar as súas recortadas beiras, contando mazaricos e gabitas, cercetas e silbóns, garzas e pilros; sempre cun ollo posto na fascinación polo troco da paisaxe co movemento mareal: agora auga, agora areas e lamas; agora vestida, agora núa.

A de Ferrol foi a primeira e, seguro, será a derradeira. A Cabana, A Malata, a Peninsular Maderera hoxe campo de fútbol, a praia de Copacabana, a ribeira de Neda, Barallobre, Maniños, O Seixo, a lancha e o peirao de Mugardos, o paseo por Bestarruza ata A Palma, a pista ata Chanteiro, o mosteiro de Sta. Catalina... Fáiseme aquí un fundido en branco. Son lembranzas de neno scout, de mozo gaiteiro, de biólogo, de paseos de pai con fillos, de amigo con amigos. Confúndenseme formas sinuosas, femininas, con arestas ásperas de estaleiros e recheos, veñen sentimentos encontrados pola loita entre a beleza e as destrutoras ocupación e contaminación. Todo isto pensaba ao fin da volta de Arousa a Ferrol, cun fermoso solpor entre gaivotas e grúas, cantando baixiño “Teño un amor en Rianxo e outro en Vilagarcía...”