«Soño con poder ser músico na aldea»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA

ORTIGUEIRA

Tamara, en Londres.
Tamara, en Londres. m. méndez< / span>

La joven reside en Londres y actúa por todo el mundo

30 dic 2015 . Actualizado a las 10:18 h.

A pianista Tamara Lorenzo (Céltigos, 1983), que vive en Londres desde 2011, leva anos formándose e actuando por todo o mundo. Onte retornou ao teatro local. A soprano lusa Joana Gil colaborou en varias cancións no concerto.

-¿Que supuxo volver a actuar para o público de Ortigueira?

-A responsabilidade de demostrar o que levo aprendido estes anos fóra, cun chisco de inseguridade pola sensación de, quizais, perder a perspectiva do que o público espera. E con moita ilusión de ofrecer un programa de música galega, coa que me identifico e que sinto; de compositores galegos na corrente do romanticismo europeo, e nacionalista, con ritmos e melodías populares e poemas seleccionados de temática tan nosa como é a emigración.

-¿Que plans profesionais ten?

-A finais de xaneiro tocarei en Budapest unha ópera de nova creación e escenas que ofrecín en abril en Shanghái. Acabo de ser becada para asistir a unha masterclass de dirección de orquestra coa Berlin Sinfonietta, en abril. De maio a xullo serei directora asistente das óperas de Martinu Alexandre Bis e Ariane na Guildhall School of Music. Continuarei ideando e elaborando novos programas para futuros concertos con outros artistas.

-Voltou a tempo para ir votar, ¿como ve a situación?

-Os novos partidos engadiron interese, dous dificilmente poden representar as ideas de toda a poboación, a pluralidade é positiva. Preocúpame máis a situación galega. Cada vez que volvo escoito falar menos galego na rúa e sinto que nos esvaemos nun mundo cada vez máis global que só parece orientado cara á funcionalidade e a rendibilidade económica.

-¿Ve factible o retorno?

-Non o sei. Soño con proxectos para que as aldeas non queden sen xente, que se poida vivir do campo e do mar dignamente. E que nesa situación eu poida ser músico, unha veciña que toca o piano nunha desas aldeas imaxinarias (...). O sentimento de apego é moi forte, pero posiblemente totalmente irracional.

-¿Que botaba en falta?

-A familia, o mar... E ese algo irracional.