Abella

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

ORTIGUEIRA

O FIADEIRO | O |

14 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

DENDE que deixou Ortigueira e veu vivir ós Tilos teenses, á beira de Compostela, o poeta e letrado Xoán Xosé Fernández Abella non falta no que teña que ver coa cultura, nomeadamente en clave galeguista. As súas últimas clases impartiunas en Roxos. E co remate da docencia ocupa máis tempo coa lectura, a escrita e a vida social. Mesmo no estudio da Teoloxía, co sentir dun cristián leigo. Fernández Abella (Monforte, 1933) publicou libros de poesía: Poemas galegos (1976), Escolma de poemas / Espigueo lírico (1990) e garda e recita creacións recentes, que calquera día verán tamén a luz en letra impresa. Ten voz de grave e bo rapsodo, curiosidade coma o neno que comeza a vida, interese por honrar ós personaxes que significaron algo positivo na construcción de Galicia e do mundo. Sen a presencia de Abella, moitos eventos desenvolvidos na contorna de Santiago -e máis lonxe- terían un participante menos. O Xoán Xosé teno claro: hai que seguir día a día enxalzando as causas xustas, comprometéndose cos degaros do país e do ser humano, aplicándolle versos á vida. Alédame estar no grupo dos que nos sentimos amigos deste mestre e poeta.