A obra «Manual de patronaxe» de Teatro do Noroeste estréase no Pazo da Cultura esta fin de semana
04 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Por eses lazos de amor que perduran no tempo entre avoas, nais e fillas camiña a última obra de Teatro do Noroeste. Manual de patronaxe, a partir dun texto de Nerea Brey e dirixida por Clara Gayo, estrearase en Narón cun elenco feminino de excepción: Susana Sampedro, Raquel Espada e Iolanda Muíños. «E lanzaremos unha mensaxe do valor dos afectos comúns que ás veces damos por sentados, aqueles grandes amores incondicionais entre ancestras e herdeiras», indica Gayo.
O venres ás 20.30 no Pazo da Cultura e o sábado ás 20.00 subiranse á escena para «unha reivindicación en clave feminista das puntadas que conforman o bordado das nosas vidas». No peculiar mundo de confidencias e independencia que tiñan as costureiras, Iolanda Muíños interpreta a unha traballadora viúva que saca adiante á súa familia. E Susana Sampedro fai de escritora (trasunto da autora real do texto) que recorda a Iolanda, precisamente como a súa avoa. A actriz naronesa Iolanda Muíños destaca que «as miñas avoas eran bastante novas e actuaban como os meus pais, xa de maior valoras máis o seu significado e gustaríame que de pequenos todos vésemos a súa importancia».
A directora Clara Gayo, dunha peza producida por Eva Alonso, recorda á súa avoa materna Carme: «Acuario coma min e moi excéntrica, en Nadal emborrachábase un pouquiño e acababa dando vivas á República, gustáballe pasear soa e era moi charlatana». Susana Sampedro só coñeceu a unha das súas avoas e pouco tempo: «Realmente sabemos moi pouco das nosas ancestras, os meus pais tampouco están vivos e ninguén me fala delas, todos deberiamos falar cos nosos maiores e aproveitar esa relación».
A obra recupera ademais as redes entre mulleres tecidas naqueles cuartos das costureiras, «onde se formaban moitas alianzas e era un reducto feminino onde non entraban os homes». Como recorda a directora, «ser costureira era un oficio permitido para as mulleres, que daba ademais independencia». A propia Iolanda Muíños foi a Corte e Confección dos 14 aos 16 anos: «Compráronme unha máquina de coser e durante tempo rexeitei a costura porque fun obrigada, pero ao final facía roupa para a familia e para min moi creativa».
Ao Pazo da Cultura de Narón chegan «moi agradecidas e especialmente contentas».