«Aínda teño en vigor o carné de conducir»

j. gómez SANTIAGO / LA VOZ

NARÓN

09 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O 28 de abril, Gustavo Pita Robles, natural e veciño de Valdoviño, fixo cen anos apurando a recuperación das feridas que padece tras unha desafortunada caída na súa casa, en marzo. Estivo no hospital en Ferrol e agora na residencia Domusvi de Narón. A súa idea é regresar para a casa. A véspera da caída conduciu o seu coche con normalidade: «Aínda teño en vigor o carné de conducir», di. Gustavo asombra polo seu bo humor, xenerosidade, amabilidade e diálogo con boa memoria. Como se chega a unha situación así?: «Facendo unha vida normal, sen excesos», afirma. Solteiro, vivía só desde hai 25 anos, cando morreu a súa irmá Josefa. Outro irmán, Francisco, viúvo, pasou con el os últimos anos de vida. Fai as tarefas do lar e cociña: «A miña alimentación é normal, preparo a comida á miña maneira, con moitos vexetais, verduras e legumes», di. Na súa horta recolle limóns, laranxas, figos ou mazás. Gustavo traballou para empresas auxiliares de Bazán e Astano. Estivo emigrado 11 anos no Uruguai, e períodos máis breves en Castellón, Burgos, Palencia, Valladolid ou León. Fai traballos de mecánico, carpintaría e outros oficios e arranxa moitas cousas. Soprou as velas do centésimo aniversario en compañía de sobriñas e sobriños; e desde diversos lugares de Galicia, España e mesmo Londres, recibiu chamadas e mensaxes de parabéns.