Manolo Piñón Pérez: «Cando vexo que podo salvar un libro da desaparición, sinto unha inmensa alegría»

NARÓN

JOSE PARDO

Defende a necesidade de fomentar a lectura entre persoas de todas as idades

01 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Manolo Piñón Pérez (San Mateo, Narón, 61 anos) leva rescatado, desde o 2005, miles e miles de libros. Traballador de Recinor (da firma do grupo Rilo dedicada á reciclaxe dos materiais de construción procedentes de edificios derrubados ou sometidos a grandes reformas), ten salvado da destrución, entre un sinnúmero de títulos e exemplares de todos os xéneros, desde Obras Completas do Padre Feijóo ata novelas de gañadores do Premio Nobel de Literatura. Nun principio, ese labor de rescate (que sempre contou co apoio incondicional de José Rilo, presidente do Grupo Rilo e fundador da compañía) serviu para crear unha biblioteca nas propias instalacións de Recinor. E, a continuación, para nutrir outras moitas bibliotecas. Entre elas, a do Ateneo Ferrolán; e a do recordado Lar Vilar de Sillobre, un café, situado ao pé da fonte de San Ramón, no que sempre estaba presente a literatura, e ao que enviaran libros, ademais, desde Carlos Casares ata César Antonio Molina.

-E os libros que rescatou ultimamente xa teñen destino, tamén...

-Efectivamente. Despois de ir entregando libros, desinteresadamente, a todo tipo de entidades, desde centros de discapacitados, que é un colectivo co que estamos moi comprometidos, ata asociacións non gubernamentais, agora o noso próximo proxecto é facerlle unha doación á asociación veciñal de San Mateo, que non só recolle estes libros, senón que prepara un aula no seu local social que vai estar destinada especificamente a acoller esta nova biblioteca, que se botará a funcionar cando se supere esta situación derivada da crise do covid e todo se normalice.

-Aínda que sexa difícil concretar unha cifra, ¿cantos libros terá rescatado ao longo de todo este tempo?

-É difícil saber cantos libros levamos rescatado, porque hai tempo que deixei de contar. Poderiamos dicir, por dicir algo, que arredor de cinco mil, pero probablemente serán moitos máis.

-¿Vivimos un tempo que non se lles quere aos libros?

-Estamos vivindo un proceso moi preocupante. Cada vez hai menos lectores. A xente bota o día coa mirada fixa nunha pantalla, como a do móbil.

-¿Que sente cando un destes libros chega ás súas mans?

-Cando vexo que podo salvar un libro da desaparición, sempre sinto unha alegría. Xa non me doe ver os libros abandonados, son consciente do mundo no que vivo. O certo é que sempre aparecen verdadeiras marabillas.

-Como lector, ¿cales son os seus libros preferidos?

-Despois de moitos anos lendo, cando vez lles dou máis importancia aos clásicos, que sempre che din cousas novas. Homero xa o dixo case todo. Agora mesmo estou lendo a Azorín.

-¿Os libros teñen vida propia?

-Claro que teñen vida propia. Arredor dos libros hai algo que é máxico. Eles sempre se resisten a desaparecer. Cun libro sempre estás acompañado. Lendo viaxas sen moverte do sitio. E eu son un lector empedernido.

«É difícil que unha obra literaria, por modesta que sexa, non conteña algo valioso»

Conta Manolo Piñón que durante o confinamento renaceu, entre moitas persoas, e aínda que sexa circunstancialmente, o interese pola literatura. Persoas que agora lle piden consello á hora de buscar novas lecturas. Pero a el non lle gusta facer recomendacións dese tipo. «Sei cal é a literatura que me gusta a min -di-, pero non sei se eses libros lles van gustar aos demais. O importante é ler».

-¿Cal sería, na súa opinión, a biblioteca ideal?

-Eu valoro todos os libros. Non na mesma medida, claro. Pero sempre digo que é difícil que unha obra literaria, por modesta que sexa, non conteña, nalgunha das súas páxinas, algo valioso. Pero sobre todo, insisto, me gustan os clásicos.

-¿A nosa época está deixando de valorar o libro como obxecto físico, como obra de creación que vai máis alá, incluso, do seu propio contido?

-Hai libros que son moi fermosos por si mesmos, tamén como obxectos. Libros impresos nuns materiais magníficos e moi ben ilustrados. Sempre os houbo. E é moi difícil de entender que a xente non os ame.

-Restaurar un libro que estivo abandonado entre restos de material de construción non debe de ser doado. Sobre todo, cando o deterioro é grande.

-Ás veces chegan destrozados, pero sempre se pode facer algo por eles. Eu nacín nunha casa na que non había ningún libro, e iso me axuda a valoralos moito máis hoxe. Para min nunca é un esforzo recuperar un libro. É unha satisfacción.

-Ten atopado vostede, ademais, moitísimos libros dedicados...

-Moitísimos. E é difícil comprender como hai alguén que se pode desfacer dun libro dedicado polo seu autor. ¿Quen sabe...? Pode haber mil circunstancias, pero sempre é terrible ver que a xente abandona algo así.