Chévere fai unha viaxe político-social ácida, sincera e necesaria, chea de humor e pesimismo dende o Xacobeo´93 ata o accidente do Alvia
14 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.A fins do XIX apareceron os primeiros locais con bar ofrecendo espectáculos de música, danza, canción e sketchs; sempre cunha grande carga política e sexual. Ao pouco, as vangardas apropiáronse do lugar, ampliando a súa oferta con exposicións e declamacións poéticas. Sen perder a súa esencia converteuse no lugar de encontro da intelectualidade Le Chat Noir: París, Els Quatre Gats: Barcelona, Überbrettl: Berlín ou Cabaré Voltaire: Zurich.
En 1993 nunha antiga garaxe do barrio de San Lourenzo, Compostela, un grupo de teatro bautiza e particulariza o xénero: nacen as Ultranoites, encontros temáticos onde se mestura música, humor e cancións, na esencia dos cabarés máis políticos. Sucedeu na Nave de Servizos Artísticos, un lugar iniciático principalmente para a comunidade universitaria, onde se producía moitas veces, o primeiro achegamento ao feito escénico.
A NASA foi un lugar popular, participativo, plural e nada ortodoxo coa liturxia teatral. Paradoxalmente estas foron as súas fortalezas e debilidades, o proxecto durou o tempo que tardou en soprar o vento do leste. A presión municipal e a revogación do programa de compañía residente obrigou ao peche da Sala e ao seu éxodo a Teo en 2012.
Chévere creou a NASA. O grupo naceu en 1988 coa premisa de facer un teatro popular e próximo fiado polo humor, afastado das posturas acomodadas do teatro. Con este compromiso co público -con máis acertos escénicos que erros- recibiron o ano pasado o Premio Nacional (de España) de Teatro. Un recoñecemento a singular e amplo labor de activismo cultural: festivais, concertos, accións de rúa, libros, discos? A fin de semana pasada no Pazo da Cultura de Narón Chévere presentou a súa homenaxe aos 20 anos de ultranoites, Ultranoite no País dos Ananos -do poemario de Celso Emilio Ferreiro- musical que ten o seu espazo natural no cabaré; mesas, cadeira e bar, como na súa estrea en Teo. O seu éxito trasladouno a auditorios e teatros.
Na escena están Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi, Xron e os músicos Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián. Unha excelente equipa, coas súas complicidades e áxiles resolución da escena. A memoria está presente a través dun grande pano de fondo, elaborado coas roupas de Ultranoites pasadas.
Chévere fai unha viaxe político-social ácida, sincera e necesaria, chea de humor e pesimismo dende o Xacobeo´93 ata o accidente do Alvia, sketchs cantados ou falados dedicados á baixa natalidade, ás cabezas de turco, ao extinto ballet Rei de Viana, á desmesura gastadora e aos irresponsables recortes da Xunta, ás pifias de políticos -en locucións dos mesmos- ao chapapote e ao concurso-oposición, onde hai que destacar a Goldi e De Lira na persoal interpretación do poema Deitado frente ao mar. A música é rotunda e funcional, orixinal de Martínez Antelo, do delicioso Sumrrá e os textos frescos e concisos de Manuel Cortés completan a obra, impregnada do espírito épico de Brecht, que coloca un espello fronte ao público resaltando as nosas miserias galegas.