Moeche, co queixo por bandeira: «É unha alegría que se valore o produto de proximidade»
MOECHE
Varios postos esgotaron o produto na oitava edición dunha feira que se supera ano tras ano
15 mar 2026 . Actualizado a las 18:09 h.«Somos terra de feiras», repetía esta tarde a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy. A do queixo, que vive hoxe a súa oitava edición, xa forma parte «das que son referencia neste mundo». Con 70 postos, un recinto ateigado de xente ao longo de toda a xornada —«pola mañá non se andaba nin para un lado nin para outro», comentaba unha veciña—, e varias queixerías co produto esgotado, Moeche volveu demostrar que o seu son as feiras. Acudiron de toda a comarca, a maioría en coche e 135 no Tren do Queixo, con gañas de probar e mercar as variedades artesanais ofrecidas polas 35 queixerías participantes, das que vinte eran galegas e o resto de Asturias, o País Vasco ou mesmo Italia, Suíza e Francia.
O obxectivo do Concello é «dinamizar o recinto e traer xente de toda a zona», subliña a rexedora. Cumpriuse. Os negocios de hostalería enchéronse, en Moeche e nos concellos próximos. «A xente responde moi ben, é unha alegría para nós, que o esforzo dea resultados e que se valoren os produtos de proximidade», engadía. A iso tamén contribuíu a Deputación, co seu mercado, «un espazo que reúne produtoras e produtores da provincia, e que forma parte das accións de promoción do sector agroalimentario». O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, incidiu no valor da feira «como exemplo da capacidade de dinamización que poden xerar iniciativas impulsadas desde concellos pequenos en orzamento, pero grandes en ilusión, en fe, en querer trasladarlle músculo e vitalidade á súa cidadanía e aos sectores económicos». Bascoy agradeceu o apoio e aplaudiu o mercado da Deputación, «cunha carpa moi grande e moita variedade de produto, desde aceites a galletas, carnes de moita calidade ou artesanía».
Lácteos de Moeche, a fábrica local, tivo que repoñer existencias xa pola mañá; e Bisqato, a marca de queixo artesán de leite cru de Guitiriz, quedou sen produto, igual que Queixo Fresco de Sillobre, o proxecto de Alejandra Romero e Eloy Seijas. Pero a feira xa comezou o sábado, coa foliada e a presentación da queixería Tamia, da asturiana Verónica Álvarez, que chegou desde unha aldea de tan só oito habitantes. «Estou moi ilusionada e moi agradecida polas iniciativas do Concello de Moeche para darlle visibilidade aos pequenos produtores e artesáns», comentaba a primeira hora, xa desde o seu posto, no que ofreceu desde queixo fresco ata un condimentado.
Pero parte do segredo do éxito desta feira vai máis aló do queixo, xa desde a primeira edición. «Empezou con moi bo pé. A clave é a variedade de queixos artesáns de moi boa calidade e todas as actividades que hai ao longo da xornada, como as visitas ao castelo, as demostracións culinarias (houbo que facer outra porque as tres non chegaban), os obradoiros de queixo e cerámica (pola mañá houbo lista de agarda e seguen pola tarde), os sorteos...», explica a alcaldesa. E tamén a música, co concerto de De Ninghures, financiado pola Deputación, para pechar esta edición, ás sete da tarde.