Moeche marida queixo, artesanía, catas, cociña e música na feira deste domingo

LA VOZ MOECHE

MOECHE

<span lang= gl >A alcaldesa, no medio, co vicepresidente da Deputación, a concelleira de Desenvolvemento Local e representantes das queixerías (esquerda)</span>
A alcaldesa, no medio, co vicepresidente da Deputación, a concelleira de Desenvolvemento Local e representantes das queixerías (esquerda)

O Concello inaugurará a Feira do Queixo o sábado cunha foliada

11 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Asociacións, hostaleiros e membros da corporación municipal de Moeche xuntáronse onte no castelo para presentar a oitava Feira do Queixo, que terá lugar este domingo no recinto feiral de San Ramón. Este ano, como novidade, haberá unha inauguración o sábado (19.30 horas), coa presentación da queixería convidada e a primeira Foliada do Queixo. Este ano tamén estará presente O Mercado de Artesanía Agroalimentaria da Deputación.

O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, acudiu ao castelo, igual que representantes de Lácteos de Moeche e da queixería artesá Bisqato; a concelleira de Desenvolvemento Local, Cristina García; e a alcaldesa, Beatriz Bascoy. «Concellos pequenos en orzamento, coma Moeche, pero grandes en ilusión, en fe, en querer trasladarlle músculo e vitalidade á súa cidadanía e aos seus sectores económicos, merecen sempre o apoio da Deputación», incidiu Regueira. Valorou o esforzo municipal por consolidar esta cita «tan importante, e mellorándoa en cada edición».

Ao apoio económico prestado xa en anos anteriores, súmase esta vez o mercado de artesanía, remarcou o vicepresidente provincial, «que permitirá que outros sectores da provincia participen e coñezan de primeira man o funcionamento dun evento que se consolidou como referente ao redor do queixo e doutros produtos de calidade». Domingo Pérez, xerente de Lácteos de Moeche, aludiu á feira do día 15 como «a máis importante» para a súa marca, que colabora co Concello nas degustacións destes días en locais hostaleiros da zona. María Veiga, da queixería Bisqato, de Guitiriz, confesou a súa fidelidade a esta cita, «unha oportunidade para as empresas de pouco tamaño que teñen máis problemas para asistir a feiras de dous ou tres días». A alcaldesa reiterou que os obxectivos da feira son «poñer en valor o sector primario e dinamizar o recinto feiral (máis aló das feiras mensuais)», nunha aposta «polas gandarías e queixerías que traballan no territorio».

O Tren do Queixo

Bascoy tamén debullou o programa do domingo, coa apertura ás 10 dos postos dos 67 expositores participantes (35 queixerías, das que 20 son galegas e o resto nacionais e internacionais). Así ata as sete da tarde, nunha xornada na que haberá sorteos, mostras de cociña, obradoiros infantís, catas comentadas ou música. E volverá a funcionar o Tren do Queixo, con saída ás 10.45 da estación de Ferrol para levar, de balde, aos viaxeiros ata a feira, e con catro horarios posibles de volta. No mercado da Deputación, o cociñeiro André Arzúa fará demostracións ás 11.30, 12.30 e 13.30 horas. E haberá un servizo de bus para visitar o castelo.