
O centro de interpretación reabriu o día 18, trala renovación dos contidos, que dá protagonismo ao pobo que se rebelou en toda Galicia entre os anos 1467 e 1469
24 mar 2023 . Actualizado a las 10:13 h.O pobo como protagonista. A Historia contada por quen a padeceu, neste caso 183 labregos e outros veciños que foron testemuñas dos sucesos ocorridos en toda Galicia entre 1467 e 1469. Os seus relatos foron recollido no coñecido como preito Tabera-Fonseca, un proceso xudicial aberto entre dous arcebispos de orixe castelá no ano 1534. No momento da revolta tiñan entre dez e corenta anos, e seis décadas despois, algún xa centenario, narraron o visto e o vivido: secuestros e rescates, asasinatos, roubos, violacións de mozas, torturas, asaltos, queima de casas...
Esa documentación serviu de base para o traballo feito pola empresa Trivium Estratexias en Cultura e Turismo S. L. no renovado Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, que xa se pode visitar no castelo de Moeche, de orixe medieval. O proxecto museográfico mudou, no contido e na estética, por iniciativa do Concello e co financiamento da Deputación (80 %) e da Administración local, que achegou o outro 20 % dos 62.500 euros investidos. Como se destaca nun dos paneis, a información que se garda do preito «serve de contrapunto ao relato de Vasco da Ponte, outra gran fonte documental, aínda que tendenciosa, louvando aos nobres e desprezando o poder das irmandades».
Moeche devólvelle a voz ao pobo, «protagonista na Revolta Irmandiña», como recorda Duarte Basoa, guía da fortaleza, e tamén do movemento do que xurdiu, en 1980, o Festival Irmandiño, organizado hoxe pola Asociación Cultural Irmandiños de Moeche. Aquela primeira edición fíxose no propio castelo para denunciar o estado ruinoso no que se atopaba. Aquela reivindicación festiva acabou dando froitos, cun proceso que culminou no 2006, cando rematou a rehabilitación dirixida pola arquitecta Alejandra Quintáns, cunha intervención mínima, «mantendo a ruína da zona de servidume e da xente de armas, e deixando á vista os restos arqueolóxicos do castelo primitivo [do século XIV]».
A orixe das revoltas
Na planta baixa fálase de arquitectura e arqueoloxía, ademais de incorporar un espazo sobre o patrimonio xeolóxico do municipio, como parte do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. No primeiro andar abórdase o contexto no que se desatou unha «das grandes revoltas sociais de Europa». «A mediados do século XV, as malas colleitas, fame, enfermidades e as guerras marcan unha crise do réxime feudal en toda Europa. Os ingresos baixan, o que fai que moitos señores decidan aumentar as rendas ou mesmo inventar novos tributos que permitan manter o seu nivel de vida. Roubos, ameazas, secuestros... O pobo non pode soportar máis este abuso de poder e dá por finalizado o seu contrato señor-vasalo, preparando unha revolta espectacular», como reza un dos paneis. Durante dous anos, prosegue, «van deixar de pagar as rendas, atacar practicamente todos os castelos galegos e gobernarse a si mesmos tentando mudar o sistema feudal, abrindo unha nova era cara á modernidade».

Lonxe da imaxe dos irmandiños «coma unha masa espontánea de labregos coa fouce na man asaltando castelos», as fontes apuntan a un movemento «ben organizado e articulado, nacido nas vilas e cidades». Lembran que «xa había experiencia na organización de irmandades, pero neste caso a intención era levar a todo o reino de Galicia o movemento que loitaba por recuperar a paz, a seguridade e a xustiza».
Con ese fin convócase unha «gran reunión» en Melide, en febreiro de 1467. É a denominada Xunta Xeral da Santa Irmandade —da que, como apunta Basoa, podería beber o nome da actual Xunta de Galicia—, da que dependerían as xuntas das irmandades locais e comarcais —asembleas para decidir como financiarse, impartir xustiza ou cobrar multas—, os alcaldes —a máxima autoridade local—, deputados —encargados das relacións entre irmandades e de trasladar as demandas ás xuntas—, cuadrilleiros —actúan no que pide a xunta local— e capitáns, ao fronte dunha forza militar.
Non eran só campesiños
Basoa explica que o movemento irmandiño non estaba composto unicamente polo campesiñado, senón que tamén participou a burguesía, a Igrexa (fóra dos bispos) e a baixa nobreza. No centro de interpretación do castelo expóñense as distintas formas de asaltar un castelo. «Máis dun cento deles foron derrubados, aínda que non se sabe certo [...]. A furia irmandiña contra as fortalezas débese a que podían servir de refuxio dos malfeitores, dunha nobreza que usou estes lugares para someter ao pobo cos seus abusos, o símbolo de todos os males», como se narra na visita ao castelo de Moeche.
Pero na primavera do ano 1469, «Pedro Álvarez de Soutomaior retorna a Galicia desde Portugal co seu exército. De Castela chegan reforzos, dirixidos polo arcebispo Fonseca e por Pimentel, que se unen ao conde de Caminha preto de Santiago. A nobreza volve recuperar os seus dominios». Vitoria ou derrota? Basoa sinala que «iso xa é para os ollos de cadaquén».
«De maneira realista, é unha situación momentánea, pero é o inicio dun cambio, aínda que volven as presións dos nobres hai avances respecto á temporada anterior», engade. Estímase que se volveron erguer máis de 40 castelos, entre eles o de Moeche. O castigo aplicado aos irmandiños foi a reconstrución das fortalezas, «ben economicamente ou co seu lombo». Convén visitar a fortaleza para indagar nas claves «daquel soño».