Castelo de San Felipe

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

MOECHE

25 sep 2019 . Actualizado a las 09:04 h.

Na paisaxe asoman torres e muros de castelos. Testemuña da ruina do pasado. Sen xente que os habite pero cheos de lendas e misterios. Contan que hai covas, mazmorras, pasadizos que de xeito marabilloso percorren leguas, por onde escapaban amantes, condes malfeitores e ánimas do purgatorio. A revolta dos irmandiños é conmemorada en Moeche. Pero soa a algo doutros tempos. As voces do pasado soan lonxe. O castelo de San Felipe, na boca da ría é ben diferente. As miserias e crueldades acáennos preto. Son demasiado nosas. O libriño escrito por Bernardo Máiz é máis pequeno que o misal que as mullerres levaban a misa para rezar e poñerse piadosas e nostálxicas. É un libro sobrio, documentado e ben escrito. Lendo sentín a mágoa do irreparable. Foi consultado polo arquitecto Iago Seara porque para restaurar un edificio hai que saber dos seus usos. Máiz conta dende o horario cotiá dos presos até o número de execucións. Todo o que pasou no castelo está moi presente e miramos os seus muros en silencio. Somos sabedores, aínda que con gusto queremos esquecer como se non tivera sido. Tal vez algún día deste castelo poidan xenar lendas marabillosas e románticas. De momento parece imposible. De 1936 a 1950 nos seus muros morreron fusiladas 145 persoas. ¿O libro de Máiz era necesario? Pois si. Recomendo logo a súa silenciosa lectura. ¡Ai! ¡Aquela case inocente canción popular!: Castillo de San Felipe/ prepara la artillería/ que ya llegan los ingleses/ a la boca de la ría.