Opresidente Touriño pronunciou esta frase para a historia: «Galiza é un queixo ‘gruyère’». Dicíao polos buratos sen nada de substancia. Do queixo gruyère non nos cobran o burato, pois non entra no peso.
En Galicia pola contra pagamos polos buratos. Naceu o ano 2017. Seguimos inconsciente dos nosos buratos. Galicia semella estar acomodada a eles. Dende os tellados da catedral podemos ver a Cidade da Cultura, pola que estamos a pagar como se fose queixo de Moeche sen buratos. Touriño e os seus socios non se atreveron a facer desaparecer o burato da Cidade da Cultura. Pediron consello aos cultos e estes dixéronlle que querían mellor o burato que o queixo. Cada cidade, cada concello debería ser serio para denunciar buratos. Pero se eu denuncio por exemplo os buratos que ten Ferrolterra corro o risco de ser fondeado na ría máis porca de Europa.
Deixemos o de máis porca. Pero admitamos que está moi porca. As obras de depuración foron (non sei se son aínda) outro burato do queixo gruyère. Moitos pagaron un recibo pola depuración das augas que nunca se depuraron. ¿Queren outro burato? A Xunta de Galicia (todos nós) ven de comprarlle á Abanca as accións de Gas Natural. Se fose un queixo sen buratos farían publicidade política desta compra. ¿Cómo explicar a compra dun burato sen queixo? Está o burato dos tres aeroportos, o de Punta Langosteira...
¿Cantas fundacións públicas sen control? ¿Cántas empresas públicas? Está claro. Do gruyère os galegos amamos os buratos.