Iván Rivas, voceiro do BNG en Ferrol: «Máis que rodillo, aquí hai unha mistura entre inxenuidade e cinismo»

FERROL CIUDAD

Iván Rivas, xunto ao monumento que recorda a Benito Vicetto -historiador local que estudou a orixe medieval de Ferrol- no parque municipal Raíña Sofía.
Iván Rivas, xunto ao monumento que recorda a Benito Vicetto -historiador local que estudou a orixe medieval de Ferrol- no parque municipal Raíña Sofía. JOSE PARDO

O nacionalista critica o arranque dun goberno que «nin escoita, nin fala»

28 sep 2023 . Actualizado a las 20:58 h.

O voceiro do grupo municipal do BNG, Iván Rivas Rico (A Pontenova, 1976), prefire non poñer nota aos cen primeiros días do mandato: «O que si lle pediría é que reflexione», demanda a un goberno que «nin escoita, nin fala nin quere ver».

—Como definiría este inicio do mandato?

—Estes cen días evidencian que estamos diante dun alcalde do século pasado, que desenvolve políticas anacrónicas. Dende o punto de vista económico, cunha proposta de orzamentos onde se desenvolven os criterios da austeridade económica dunha maneira cada vez máis agresiva e se reducen os investimentos en máis dun 50 %. Mentres noutros lugares se camiña cara un proceso de recuperación do espazo público aquí o que se decide é reabrir ao tráfico rodado nun barrio declarado BIC, se contempla a posibilidade de substituír árbores por prazas de aparcadoiro ou a redución de zonas verdes na rúa da Igrexa. E no ámbito do patrimonio, está o exemplo dos achádegos arqueolóxicos na rúa San Francisco e a decisión de sepultalos dun día para outro.

—Cales foron a mellor e a peor decisión tomadas?

—Hai unha decisión que tomou o goberno ao entrar que comparto: permitir que os veciños e veciñas puideran acceder de maneira libre ao edificio municipal. Dende a outra perspectiva, esa insistencia en retomar a política económica da austeridade, como non afrontar a necesidade de recuperar o espazo público para as persoas, e non aproveitar oportunidades como a de San Francisco. Son decisións que se deberían reverter.

—Cre posible que neste mandato se acometa a posta en valor deses vestixios?

—Non sei se é posible ou non, nós vamos traballar para que iso aconteza. Témoslle feito unha proposta para desvincular eses restos do proxecto de reurbanización de San Francisco, e non comprometer o investimento. Hai veciños e veciñas do barrio que están totalmente convencidos de que iso é un patrimonio que é necesario recuperar e aproveitar. Hai colectivos culturais que tamén están por esa vía. E dende o BNG témosllo transmitido, e mesmo a nivel persoal, ao alcalde. Non sei que máis necesita para tomar esta decisión.

—Que papel cre que pode desempeñar o BNG ante un contexto de maioría absoluta?

—É fundamental. Exemplos como estes restos así o evidencian. Presentar propostas deste tipo é básico para Ferrol poida avanzar.

—Que agarda do mandato?

—O que me preocupa é saber como vamos a poder enfrontar problemas que ten esta cidade, e facelo da man dos veciños e veciñas. O que temos diante é un goberno que moitas veces nin escoita, nin fala, nin quere ver. Imos traballar para que ese conxunto de persoas e colectivos teñan unha voz.

—Falaría vostede de rodillo?

—Máis que rodillo, aquí hai unha especie de mistura entre inxenuidade e cinismo. Se nos argumentan que é necesario aplicar a Lei de Grandes Cidades e o que se está a propoñer é crear unha administración paralela mediante a contratación de asesores, mentres os funcionarios son cada vez menos e as condicións máis precarias. Pero ao mesmo tempo, Ferrol non vai recibir ningunha compensación económica por considerarse grande cidade. Ou o debate respecto da tramitación das licenzas: é a Lei do Solo a que establece tres meses para outorgar unha licenza municipal, o problema se resolve contratando persoal. Ou o radar na Malata, que parece que se queda, e no cal nos deberíamos facer a pregunta de por que se queda. Sobre todo, se sabemos que se xestiona a través dunha empresa privada que recada o 25 % das sancións que xenera.

—En que temas cre que pode haber unanimidade?

—Demostramos que a actitude do BNG é proactiva, propositiva e co obxecto de darlle solucións aos problemas da cidade. O consenso virá da man de quen recibe todas estas propostas. E sinceramente, que das 36 emendas aos orzamentos non se nos aceptase ningunha creo que evidencia que non hai moita vontade de chegar a puntos de encontro.