A Comisión Pro Memorial urxe ao alcalde para inaugurar o monumento ás 904 vítimas do franquismo en Ferrol

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

A Comisión Pro Memorial ás Vítimas do Franquismo concentrouse cunha pancarta cos nomes dos asasinados ante o Concello de Ferrol
A Comisión Pro Memorial ás Vítimas do Franquismo concentrouse cunha pancarta cos nomes dos asasinados ante o Concello de Ferrol Cedida

Recorda nunha concentración que agarda unha reunión con José Manuel Rey

18 jul 2023 . Actualizado a las 19:32 h.

En Ferrol, ata 904 persoas foron asasinadas polo franquismo tanto na represión da Guerra Civil como na ditadura. E os seus nomes aparecen na pancarta amosada este mediodía pola Comisión Pro Memorial ás Vítimas do Franquismo, ante o Concello. Os seus promotores urxen desde hai un mes a unha reunión co novo alcalde, José Manuel Rey Varela, para axilizar a inauguración do monumento aos represaliados, creado polo escultor Manuel Patinha. Nun comunicado lido hoxe indicaron que «tras un mes sen resposta desde solicitar formalmente no rexistro municipal esa reunión urximos agora a que nos reciba o máis axiña posible». O monumento obedece á moción aprobada sen ningún voto en contra no pleno municipal o 29 de xullo de 2021. 

Recorda esta comisión que «por razóns de sobrecarga de traballo a empresa adxudicataria demorou ata a primeira quincena do mes de agosto a cimentación do pedestal que sustentará a escultura, realizada de forma altruísta e solidaria por Patinha». Por iso reclama ao alcalde que acelera o calendario «para equiparar a Ferrol coas grandes cidades de Galicia onde xa existe un monumento ás vítimas da represión franquista, como A Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo». 

Os grupos municipais de PSOE, BNG e Ferrol en Común recordáronlle hoxe ao alcalde a solicitude desa reunión, xa presentada o 15 de xuño. «A pancarta que portamos está moi deteriorada pero máis deteriorada está a imaxe dos 904 asasinados durante décadas esquencidos, agora José Manuel Rey terá a honra de inauguralo», indicaron. Destacaron os membros da Comisión Pro Memorial que o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, amosou o 7 de xuño o seu apoio ás vítimas do franquismo coa inauguración dun monumento nos xardíns desta institución autonómica. Desde o concello indican que as peticións de reunións se van concedendo segundo a axenda do alcalde.