¿Apoio?

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

Non hai programa electoral que non inclúa o «apoio ao deporte de base», talvez porque todo o mundo, sexa das siglas que sexa, coincida en valorar a importancia que ten a práctica deportiva desde idades temperás. Pero, por desgraza, na maior parte dos casos o apoio real ao deporte queda nunha declaración de intencións e nunha serie de iniciativas e actuacións illadas.

A práctica deportiva comporta dispoñer da infraestrutura necesaria nun bo estado, e en Ferrol a situación é francamente mellorable. Se os equipamentos «estrela», como o pavillón ou o campo de fútbol da Malata, presentan deficiencias máis que notables -sobre todo o primeiro, cunha iluminación recentemente cambiada tras anos de problemas, uns vestiarios terribles e un parqué que impediu xogar ao Universitario en liga europea e que segue agardando por esa substitución «inminente»-, moitos dos equipamentos «de barrio» adoecen de servizos fundamentais. Campos de fútbol que urxen un cambio na iluminación -Aneiros ou A Gándara-, en estado de abandono -como o de San Xoán, do Sareb- ou que non contan con vestiario para mulleres; instalacións antigas e insuficientes para a práctica de deportes acuáticos -a ampliación da piscina de Caranza nun lateral sería viable e non moi custoso- ou a situación duns pavillóns en FIMO que permitirían desenvolver, xunto co resto de instalacións da Malata, unha gran cidade deportiva á altura que Ferrol merece, forman parte desta lista de demandas. E si, na xestión municipal hai outras prioridades, pero cando se deixan dous millóns sen gastar en investimentos non hai escusa que valga.