Rafa Victoria: «O importante é abrirlle as portas do futuro á música tradicional de Galicia»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

ESTEVO BARROS

Os integrantes de Raparigos celebran hoxe, tocando polas rúas de Lugo, o cincuentenario do seu primeiro premio

07 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Rafa Victoria (Ferrol, 1958) é un dos integrantes de Raparigos, o cuarteto de música tradicional galega que hoxe celebra, en Lugo, algo moi especial: o seu cincuentenario. Ou, para ser máis exactos, o cincuentenario do seu primeiro gran premio. Porque hai agora xustamente cincuenta anos que Raparigos gañou en Lugo, no San Froilán, un lendario concurso de grupos de gaitas. E precisamente por iso, para celebralo como a ocasión merece, a formación ferrolá percorrerá hoxe, desde as 11.30 horas, tocando a súa música, as rúas luguesas: as rúas dunha cidade irmá de Ferrol que sempre acolleu cos brazos abertos o mellor da cultura do país. Daquela primexinia formación de Raparigos só queda un músico, Xan Silvar. Outros dous, Anxo Muñoz e Carlos Vázquez (como Tonecho Varela, que se incorporara despois) xa habitan o que nós chamamos morte. Pero o seu legado segue vivo, gracias fundamentalmente ao labor de músicos como Rafa Victoria, que se ben é certo que aínda non leva 50 anos no grupo, xa suma 46, cousa que tamouco está nada mal...

-Vai ser un día para a emoción.

-Así vai ser, en efecto. Un día no que nos van vir á memoria moitas cousas e moita xente.

-¿E que balance se pode facer?

-Pois mire: no plano persoal, o balance é extraordinario. En Raparigos, por riba de calquera outra cousa, somos amigos. Grandes e verdadeiros amigos. Pero creo que tamén podemos dicir, chegados a estas alturas, que Raparigos ten hoxe un lugar de seu, o seu propio lugar, na cultura galega. E penso que iso é porque o noso esforzo sempre camiñou na mesma dirección, respondendo ao desexo de abrirlle novas portas á tradición cultural de Galicia. Unha tradición cultural á que lle fomos fieis en todo momento.

-Desde o primeiro día...

-Creo que si. E niso estamos. Seguimos camiñando. Para nós, o importante é abrirlle as portas do futuro á musica tradicional de Galicia. E será o tempo quen diga se logramos o que pretendiamos ou non. Nós seguimos tocando.

-É teñen un público moi fiel.

-Si que o temos, si. E estámoslle inmensamente agradecidos.