«A maioría da nosa xente non entende unha festa na que non se sinta tocar a gaita»

La Voz

FERROL

07 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das cuestións nas que máis insiste Rafa Victoria, e á que se refire unha e outra vez, é a verdadeira irmandade que, como non deixa de subliñar xamais, sempre uniu a todos os compoñentes de Raparigos.

-Ao final, en case todo, o que máis importa é o afecto.

-Por suposto. O afecto é o que queda. E en Raparigos, se algo houbo todos estes anos, foi amizade. Podo dicir en voz ben alta que en Raparigos non só fomos e somos grandes compañeiros e amigos, senón sempre verdadeiros irmáns.

-¿Como cambiou, ao longo destas últimas décadas, a percepción que a sociedade galega ten de quen se dedica á música tradicional?

-Houbo un cambio moi profundo. Hoxe, por fin, quen se dedica a este tipo de música xa é visto, en Galicia, como un auténtico creador. Cousa que non sempre foi así, por desgraza. Houbo un tempo no que os grupos de gaitas parecían estar inmensamente máis identificados, no imaxinario popular, co divertimento, que coa nosa cultura. Pero, como digo, iso foi cambiando. Hoxe ninguén dubida da importancia que os grupos de música tradicional teñen no ámbito da cultura.

-¿E non foron perdendo certa presencia pública eses grupos, dun tempo a esta parte...?

-Iso non ten unha única resposta. Pode que no ámbito urbano sexa así, aínda que hai que confiar en que as cousas cambien para ben no futuro. Pero hai moitísimos lugares de Galicia nos que a maioría da nosa xente non entende unha festa na que non se sinta tocar a gaita. Pero os tempos cambian, claro. Quizais por iso a melancolía é inevitable.

-¿Cal é o seu proxecto máis inmeditato?

-Pois imos gravar un novo disco. Pero sen présas. Pouco a pouco. Iso será o máis inmediato.