O prestixio

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

20 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ter prestixio, boa fama, nome, consideración, boa imaxe... É fundamental nas relacións humanas, dende as individuais até as colectivas. As marcas industriais saben que a publicidade se non é todo é case todo. O de falar ben de algo precisa propagandas e divulgadores. Así os dictadores. Nunca esquecen as armas pero tampouco a propaganda.

Os países coidan o prestixio dentro e fóra. As escolas adoctrinando foron e son unha máquina de identidade nacional e de clase. As cidades tamén miran polo seu bo nome.

A Coruña deu inventado un sistema de propaganda para a súa boa imaxe. Hai que ter algo que predicar, certo, pero a esaxeración tamén é unha arte. Se fallas caes no ridículo.

Ferrol non ten boa imaxe nin dentro nin fóra de portas. Dentro, e para uso interno, hai unha palabra que me desconcerta: Ferroliño. Cando a escoito non sei se soa a compaixón, pena, aínda que non exenta de cariño. Non sei de ningún outro caso que fale así do seu pobo: ¿Oviedìn, Sevillita, Zaragocica?... Se alguén sabe dun caso semellante que mo diga.

Cataluña gozou (¿e goza?)de bo predicamento: Eficacia, seny, dilixencia, negocio, industria... Ser catalán forma parte dos sentimentos de orgullo.

Os inmigrantes axiña querían pertencer ao club dos elixidos pero o orgullo das clases altas, deixábaos en lugares de pagas baixas.

No banquete nacional as racións de comida nunca son democráticas. Hai que coidar a imaxe da patria, si, pero tamén debemos ter algo tanxible que predicar e predicalo con xeito.