«O estado da casa natal de Carballo Calero reflicte o seu esquecemento»

Beatriz Antón FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

JOSÉ PARDO

Antón Rodríguez presenta hoxe na capela do Torrente a súa ópera prima, «Vieiros de esperanza», un documental sobre a vida e obra do escritor e profesor ferrolán

22 abr 2016 . Actualizado a las 09:45 h.

Todo comezou como un traballo fin de grao, pero Antón Rodríguez (Ferrol, 1991) sempre tivo claro que non quería que quedase aí. «Pensei que este documental tiña que traspasar as paredes de facultade e converterse nunha nova achega para o audiovisual e a cultura galega», comenta este xove realizador ferrolán. Rodríguez refírese á súa ópera prima, Vieiros de esperanza, un documental sobre a vida e a obra de Ricardo Carballo Calero que esta tarde (20.00 horas) presenta en sociedade na capela do centro Torrente Ballester.

-¿Como xurdiu a idea de facer este traballo audiovisual?

-Foi unha iniciativa persoal. Como ferrolán, sentinme na obriga de facer un documental sobre Carballo Calero para sumarme ao clamor popular que reivindica que se lle dedique un Día das Letras Galegas e, por outra banda, tamén quería cubrir un oco documental, xa que o único audiovisual dedicado a este escritor é unha reportaxe elaborada por A Nosa Terra no ano 1991, que a día de hoxe quedou desactualizada.

-¿Que nos ofrece neste documental? ¿É un percorrido pola vida do escritor?

-Vieiros de esperanza é un documental biográfico en que non hai voz en off nin narrador. O filme percorre a vida de Carballo Calero desde o seu nacemento en Ferrol no ano 1910 ata a súa xubilación en Compostela nos anos 80. E faino a través dos testemuños de moitas persoas que o coñeceron, como Víctor Freixanes, Xesús Alonso Montero, Darío Villanueva, Xosé María Dobarro Paz, Pilar García Negro, Araceli Herrero, Siro López ou Francisco Rodríguez. No documental, as súas intervencións van sucedendo unha detrás doutra nunha especie de conversa en torno ao escritor.

-¿Ofrecen todos eles a mesma visión sobre Carballo?

-A verdade é que eu quería que o documental reflectise esa tensión que existe entre os que defenden a ortografía reintegracionista de Carballo Calero e os que apostan polo galego normativo oficial, pero teño que dicir que ao final non o conseguín, porque só atopei louvanzas sobre a súa figura.

-¿Pensa que é por esa aposta reintegracionista polo que Carballo Calero aínda non tivo un Día das Letras Galegas?

-Evidentemente é así, pero é algo totalmente inxusto porque Carballo Calero é o pai dos estudos galegos contemporáneos. Os membros da Real Academia Galega non deberían fixarse só nos aspectos ortográficos que defendía o profesor, senón nos méritos de toda a súa carreira. Carballo cultivou todos os xéneros literarios, foi o primero catedrático de Literatura e Lingua Galega da universidade e, ademais, é autor de dous traballos imprescindibles dentro da cultura galega (Gramática elemental del gallego común e Historia da literatura galega contemporánea). O seu contributo foi enorme, pero, mentres que a partir dos anos 80 as homenaxes de base social non deixaron de sucederse, o silenciamento por parte das institucións oficiais cada vez se fixo máis palpable. Os órganos institucionais déronlle as costas inxustamente. En Ferrol, o estado de abandono da súa casa natal reflicte perfectamente ese esquecemento.

-¿Por que o titulo «Vieiros de esperanza»?

-É un xogo de palabras. Vieiros, porque é o título do primeiro poemario en galego de Carballo, e de esperanza, porque el sempre dicía que hai que «esperar contra toda esperanza».

Formación. Antón Rodríguez graduouse en Comunicación Audiovisual na UDC e fixo un máster sobre Documental e Reportaxe Xornalística Transmedia na Universidad Carlos III de Madrid.