Talento ferrolán

Roberto Taboada FERROL

FERROL CIUDAD

Imagen de la actuación de Kozmic Blues
Imagen de la actuación de Kozmic Blues . ángel manso< / span>

La pareja formada por Elisa Sánchez y Andy Toimil, Kozmic Blues, actuó el viernes en el Torrente

07 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia da creación cultural está repleta de achegas singulares, en forma de obras, de artistas novos; ás veces ata precoces. Menos de trinta anos tiñan: Welles cando aterrou á poboación coa súa peza radiofónica The War of the Worlds e poucos anos despois sorprendeu ao mundo do cine con Citizen Kane; Kerouac cando comezou andar o camiño de On The Road ; Morrinson e Joplin desenvolveron toda a súa carreira musical, xa que -nestes casos- morreron antes.

Nestes momentos parece que hai unha conspiración xeral para facer ver que a mocidade só se interesa pola estética, as banalidades e frivolidades e a cultura do entretemento. Redúcense a tópicos un segmento de poboación importante en número e potencial, aos que se exclúen para participar na toma de moitas decisións pola súa suposta falta de madurez? hai quen pensa que isto é un asunto de cantidade de anos, pero máis ben é un asunto de cantidade e calidade das lecturas feitas, das películas vistas, das músicas escoitadas e das charlas celebradas.

O pasado venres a Capela do Torrente Ballester acolleu a presentación en sociedade dunha parella musical -Elisa Sánchez e Andy Toimil- de Ferrol que conforman Kozmic Blues, tomando o nome dunha canción do segundo traballo discográfico de Janis Joplin, unha das súas artistas referenciais.

Elisa e Andy son novos e belos, en si mesmo isto non é ningún valor, mas aportan unha gran madurez, forxada na -máis que segura- escoita da discografía de Bessin Smith ou Judy Henske, por parte dela e ás músicas de Syd Barrett (fundador de Pink Floyd), Nick Drake ou Hendrix nel. The Doors para ambos. Pero tamén hai moita literatura visitada; dende os beats Kerouac ou Ginsberg ata simbolistas coma Rimbaud e Allan Poe. Todas as súas lecturas, escoitas e imaxes están ben aproveitadas; pasadas pola súa peneira e o contexto de 2016.

O escenario vestiuse para a ocasión, e así, recreouse a escenografía do que podería ter sido o despacho dun romántico, composta por: alfombras e libros no chan, butaca, escritorio e máquina de escribir, completado coa proxección no fondo en gran tamaño da imaxe tentadora dunhas mans sostendo unha mazá vermella (que ilustra a portada do seu disco). Ela coa súa voz -tépeda, sólida, capaz de evocar lugares íntimos- e el, tamén, na voz e coa súa guitarra -acústica, rascada, sen complementos- defenderon con honestidade e moita melancolía, os dez temas propios e os sete versionados; todos escritos e cantados en inglés. A súa habilidade interpretativa aínda está por crecer, asentarse e coller seguridades. Pechando os ollos, quedaríamos cunha música madura, armada cunha gran cantidade de gratos referentes.

Kozmic Blues non están sos no comezo do seu camiño e contan coa colaboración de Pablo Portero, nos asuntos de imaxe e promoción e de Rubén Artabe nos musicais, ambos garantes dun bo facer.

Ao fin do concerto houbo malabares e mazás para o público -ben numeroso- que gozou dunha reveladora sesión musical.