Indro Montanelli foi corresponsal da revoluciòn húngara de 1956. Os artigos quedaron recollidos no libro: «La sublime pazzia...» traducido como «La sublime locura de la revolución». É un exemplo de periodismo de guerra. Indro Montanelli recoñece que o traballo principal como periodista foi non perder a vida... e despois enviar as crónicas do que el mesmo veu cos seus ollos. Non inventou nada.
Traio este emocionante libro porque me viñeron lembranzas de cando eu era un cativo de 1º de bacharelato. Viñeran nenos húngaros gardados por monxas. Eran nenos que quedaran orfos. Algunhas familias por razóns cristiás e tamén anticomunistas recolleron aos cativos nas súas casas durante varias semás. Comían no Hospital de la Reina e asistían a algunhas clases nas escolas. Á miña clase viñeron seis: catro rapaces e dúas nenas preciosas, que por suposto non entendían nada das explicacións. Pero estaban e facían os seus deberes húngaros. Os rapaces integráronse no equipo de futbol e falaban de Kubala. Despois xa quedamos enterados de quen era Kubala. Un deles era o porteiro. Sensacional. Outro xogaba de defensa. Moi técnico e serio. E había un, cativiño de todo, que manexando a peonza nos deixaba pampos. O domingo viñan por misa e comungaban todos e todas con moita devoción e compostura, cousa que nos pareceu exótico. Contrastaba cos nosos xeitos de estar na igrexa.
O libro de Montanelli ademais de informarme polo miúdo do que pasou e mais do significado político daquela revolución popular, quitou de mí recordos directos destas vítimas da guerra: os nenos. Cando marcharon houbo unha chocolatada na sacristía e cantaron canciòns húngaras. Dez, once anos... e xa xogabamos a que nos gustaran as nenas. Na despedida houbo algunha bágoa de amor imposible.