10 de marzo de 1972

Siro
Siro FERROL

FERROL CIUDAD

01 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As tres factorías de Bazán negociaban un convenio conxunto. A comezos de marzo, Cádiz e Cartaxena asinaran o acordo, pero Ferrol quería un convenio autónomo; varios enlaces sindicais foron expedientados e negóuselles a entrada. Na mañá do día 9, un deles, Ramiro Romero, tentou entrar polo Estaleiro e os gardas impedíronllo e metérono na caseta. Ramiro berrou que estaba a ser maltratado, e desencadeouse a mobilización. Centos de operarios con buzo azul percorreron talleres e oficinas pedindo solidariedade e a media mañá uns tres mil traballadores estaban ante o edificio de Dirección para protestar pola agresión ao compañeiro e esixir unha solución ao convenio.

Ás doce, o director, Gabriel Martorell, advertiu aos representantes sindicais de que se estaba a facer unha ocupación ilegal e, ou volvían todos aos centros de traballo, ou chamaría á policía. En votación a man alzada decidiuse continuar. Ás catro e media da tarde saiu o director ao balcón e explicou que os galegos eramos bos traballadores, pero pouco prácticos; el, como bo valenciano, érao e sabía que ás veces toca gañar e outras perder. Aquel día aos traballadores tocáballes perder e debían volver ao traballo.

A xente de máis idade empezaba a marchar, pero Rafael Pillado preguntou a berros: «¿Que dixo este señor?». E falou el e falaron outros, e a asemblea mantívose íntegra. Ás cinco os representantes recibiron un comunicado de Dirección esixindo o desaloxo inmediato. Leuno o enlace sindical Ramiro Vidal. Cando rematou a lectura alguén berrou: «¡Rómpeo!», e a esa voz uníronse moitas outras. Ramiro rompeuno. Minutos despois escoitouse unha corneta e apareceron os policías nacionais -que entraran pola porta do Ximnasio- repartindo toletazos como posesos entre a xente collida por sorpresa, que procurou fuxir pola porta dos Cantóns. Rematado o desaloxo, a explanada presentaba un aspecto estarrecedor, con centos de zapatos espallados polo chan, que expresaban plasticamente o dramatismo da fuxida.

O día 10 as portas da factoría estaban pechas e, a proposta dos líderes sindicais, aceptouse marchar a Perlío e pedir a solidariedade de Astano. Eran moitos, quizais un par de miles; pero nas Pías estaban os policías nacionais cortándolles o paso. Os traballadores atacaron con pedras, os policías con balas. Daniel e Amador caeron mortos e puideron morrer moitos máis, porque os feridos pasaron do medio cento. Os máis deles curáronse con médicos e practicantes que os atenderon discretamente.

A cidade paralizouse pola acción dos piquetes, pero de contado empezaron as detencións e as torturas na comisaría de policía, con especialistas chegados de Madrid. O bispo Arauxo, aguilloado por varios curas comprometidos, autorizou unha homilía que provocou a ira dos franquistas ferroláns.

Os líderes de CC.OO. foron ao cárcere, e a Amor Deus nin sequera se lle permitiu asistir ao enterro do fillo, un neno morto en accidente. Anos despois Gabriel Martorell marchou a Madrid e en Ferrol correu o rumor de que ía roído polos remorsos, pero non era certo. Nin entendeu as críticas que no 72 lle chegaron do seu entorno por ordear o desaloxo, nin en Madrid mostrou nunca o menor arrepentimento; e aquel home que debería pasar á historia de Bazán por ser un excelente enxeñeiro que en 1964 dera solución técnica aos problemas dos destrutores Roger de Lauria Marqués de la Ensenada, cando a Armada pensaba paralizar a construción e mandalos á chatarra; que, como enxeñeiro e contraalmirante, creu na industria naval española e convenceu ao Goberno para realizar buques punteiros, valorados internacionalmente; que tivera a feliz idea de vencellar nun plan de cooperación a Mariña e o INI, positivo para ambos, e viñera a Ferrol para desenvolvelo; só é recordado na cidade como o único director que autorizou a entrada da policía na factoría.

Morreu en 2010, o 28 de nadal, día dos Santos Inocentes.

siro@siroartista.com