«Call centers» e paro

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

FERROL CIUDAD

19 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A s empresas telefónicas «teleatenden». Unha faino en galego, outras deixan escoller idiomas, mesmo o do país; pero as máis enfrontan o usuario a persoas de fala castelá crioula, rara. Unha das grandes só conecta os clientes con centros de atención verbal nos que a conversa se fai imposible, comezando polo trato (a frase seguinte é literal: «Okay, señor caballero Javier, si tú nos dices tu gasto, te ofrecemos...»).

Mais o problema non é lingüístico só: é mesmo xeográfico. Os telefonistas que atenden en galego axiña resolven problemas de localización do servizo cando hai intervención humana polo medio (entrega de material ou reparación de equipamento). Os que falan castelán de España normalmente saben que Ferrol e Vigo son cidades afastadas. O dramático é caer nas mans de calquera hispanoamericano «desubicado», como se di naquelas benqueridas terras. Hai pouco alguén suxería unha solución ao problema. O mellor é pedir atención en catalán e daquela falar castelán co empregado do call center...

Na campaña pola presidencia da República Francesa repítese un remedio contra o paro: «Rélocalisation, pas de délocalisation». En España poderíase empezar pola atención telefónica ao cliente. Por se non o sabe Rajoy, só o número de liñas de móbil en España supera o de habitantes. Podía esixir aos explotadores de licenzas telefónicas relocalizaren os centros de atención. ¿Ou logo non?