Case mellor un barco

FERROL CIUDAD

DENDE ESCANDOI | O |

01 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

IGNORO ÓNDE está o segredo, cómo se fai, xa me gustaría sabelo. Pero o certo é que a mesma estraña maxia que consegue que nalgúns libros, sendo en apariencia só papel e tinta -dende o Quijote ata Ana Karenina , dende o Sinbad ás sagas islandesas-, a vida ande sempre dentro, tamén a posúe, aquí en Ferrol, e ademais con olor a incenso e con música, o Belén da Orde Terceira. Quizais haxa tempo que vostedes non o ven -máis raro será que non o teñan visitado de nenos-, pero asegúrolles que se volven han quedar outra vez sorprendidos, porque é desas cousas -alomenos, a min parécemo- que posúen a rara cualidade de espertar, incluso nos corazóns dormidos, a capacidade de soñar e de ver anxos do Ceo. Gustaríame saber escribir un conto no que un puidese convertirse nunha das figuras do nacemento de Alfredo Martín, ou mellor aínda andar polo medio delas, e así non só miralas, senón falarlles e pasear entre as casas de colores, os rabaños de ovellas e as palmeras. ¡Ver pasar os Reis Magos, ou incluso entregarslles unha carta en man, e navegar en barca polo río, ao pé das norias, e ver aparecer as estrelas e montar en dromedario...! (A un faríalle ilusión, sobre todo, poder ir ata onde está o Neno Xesús no seu portal de cartón pintado e levarlle por exemplo unha mantiña, e sentilo rir, e darlle un bico...) Incluso se podería aproveitar a ocasión, pasando á beira do castelo de Herodes, para meterse un dentro, buscar ese señor tan malo, e aínda que sen rompelo, ceibarlle unha patada. Por certo: cando eu estivese cos outros reis, cos Magos, habíalles dicir que lesen, por favor, todas as cartas. Para que non me sigan traendo calcetíns e colonias. Aínda que sexa de plástico, eu quero un barco.