TRIBUNA | O |
09 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.NORMALMENTE, CANDO un ten a impresión de que en torno a el todo se desmorona, de que nada sae ben por máis que o intenta, o lóxico -o humano, alomenos- é tender a pensar que a mala sorte o priva das oportunidades que lles ofrecen ós demais. E normalmente, tamén, iso non só non conduce a ningures -o certo, para que lle imos dar máis voltas, é que non serve de nada-, senón que só vale para que as cousas, se xa ían mal, aínda vaian peor. E xa sei que con isto non lles digo nada novo. E que quen ensina iso é o tempo, que é como dicir a vida. E que o risco está en enterarse demasiado tarde, cando xa non hai nada que facer. Pero un, descúlpenme, segue a ser humano. Así que hai cousas que non as pode comprender. Sobre todo, cando tampouco ve nin saídas... nin razóns. ¡E «un» somos tantos...! Porque, a ver: ¿onde están eses «equilibrios territoriais» dos que tanto se fala, cando se postergan, coma sempre, os intereses de Ferrol? ¿Podería alguén dicirme por que esta comarca, e incluso toda a Galicia do norte, a que tanto depende do porto ferrolán, ten que conformarse sempre con viaxar no vagón de cola, como se aquí fosemos cidadáns de cuarta división? ¿Demagoxia...? Pois vale, que lle chamen como queiran. E todas esas promesas feitas en campaña electoral, esas mentiras, xa me dirán qué son.