«Os contos tradicionais galegos renacen cada vez que se escoitan»

Ramón Loureiro Calvo
RAMÓN LOUREIRO FERROL / LA VOZ

FENE

JOSE PARDO

Herdeira do legado dos grandes narradores orais do país, a contacontos, actriz e escritora Paula Carballeira converteu en literatura a súa voz

17 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Paula Carballeira (Maniños, Fene, 1971) xa ten un lugar de honra, por dereito propio, na historia desa tradición de escribir a viva voz no aire que Galicia converteu nunha das artes máis fermosas. A súa figura foi decisiva para poñer en valor a narración oral nun tempo completamente novo. E aí segue, co entusiasmo de sempre. Con ese sorriso que todos os días ilumina o rostro das persoas que posúen un gran corazón. Di que «os contos tradicionais galegos renacen cada vez que se escoitan». E, moi probablemente, ten razón. Porque abonda con escoitala para saber que a maxia dos grandes contadores de historias, cando menos neste vello país chamado Galicia, non morrerá xamais.

-Como contacontos foi vostede, no profesional, unha auténtica pioneira...

-Si, pero quen en realidade abriu o camiño foi Quico Cadaval. E el foi precisamente quen me chamou a min.

-¿Hoxe hai en Galicia, para os contacontos, un público estable?

-Si, en Galicia hai, ou digamos que segue habendo, un público estable para os contacontos. Aínda que o bum que se viviu nun certo tempo xa pasou.

-¿E por que decaeu o interese dos espectadores? ¿A que cree que obedece iso?

-Eu non diría que decaeu o interese. O que pasa é que apareceu un fenómeno novo, que foi o dos monólogos, que segue atraendo hoxe moita atención, e claro, iso influíu no seguimento da actividade dos contacontos, que se mantén, certo que se mantén, pero que xa non é hoxe a que foi hai uns anos.

-Daquela, ¿contacontos e monólogos compiten polo mesmo público?

-Tampouco é iso. Exactamente polo mesmo público, non. Se ben é certo que, en moitos casos, o público dos monologuistas e o dos contacontos é o mesmo. En fin, digamos que na medida en que xurdiron cousas novas, tamén a atención se repartiu. Pero de todas formas, seguimos estando aí e, afortunadamente, seguen chamándonos de todas partes.

-¿De onde proceden os contos do seu repertorio?

-Hai de todo. Pero, concretamente no meu caso, hai unha aposta grande pola tradición, polo conto tradicional de Galicia. Un tipo de conto do que ademais teño que dicir que sempre é distinto, e que fiel á súa esencia vai cambiando unha e outra vez.

-¿E nunca conta historias súas?

-Ás veces si, tamén. Pero menos, moito menos. O que si fago, en cambio, é incluír historias de autores clásicos. E, entre os creadores contemporáneos, sobre todo teño incluído historias de Mía Couto.

-E cando conta historias tradicionais, ¿que elementos están máis presentes?

-Pois todo canto forma parte da narración oral galega. Sen ir máis lonxe, nas miñas actuacións non faltan nin os relatos de aparecidos nin o humor. E grazas a todo iso [ri Paula], eu aínda sigo vivindo co conto.

JOSE PARDO

«No aire, cada historia ten o seu propio rexistro, e elixe o camiño que quere seguir»

Paula Carballeira, na súa vertente de actriz, ten interpretado papeis moi recordados tanto no teatro coma na pantalla. E, ademais, nunca deixou de escribir. Filóloga de formación, é unha gran coñecedora de todas as literaturas atlánticas, especialmente da galega e da portuguesa. Pero, ao mesmo tempo, é tamén moi consciente de que a súa capacidade para interactuar (e descúlpesenos o palabro) co público a través do relato oral é, quizais, o que, como creadora, máis á achegou á sociedade galega, no seu conxunto. Séntese, sobre todo, unha contadora de historias. Unha narradora que non só quere que a escoiten, senón á que tamén lle gusta moito escoitar. «No aire -comenta Paula-, cada historia ten o seu propio rexistro, e elixe o camiño que quere seguir. Ela é a que decide onde vai rematar».

-E cando vostede escribe os seus libros, ¿é outra Paula diferente?

-Cando escribo son unha Paula que utiliza rexistros moi distintos dos da narración oral. Escribir tamén é pensar moito en quen te vai ler, en quen vai ser o destinatario do teu texto. Por exemplo, se o libro vai dirixido especificamente a un público infantil. En cambio, cando ti estás contando contos en voz alta tes que pensar que o perfil do público que te escoita pode ser moi diverso, e daquela tes que facer todo canto estea na túa man para que cada espectador encontre atractivo o relato.

-¿Que é o humor para vostede?

-O humor, para min, é algo importantísimo. Especialmente cando estou a traballar coa tradición galega do relato oral, na que o humor ten unha gran presenza. Pero é que, ademais, a min me parece que no humor reside unha visión moi intelixente do mundo e da realidade. Valoro moito o humor, desde sempre. O humor galego é excepcional.