A aspirante do PP á reelección valora o traballo feito estes catro anos, "a pesar da crise"
20 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Ana Rodríguez (Montoxo-Cedeira, 1945) estudou Maxisterio, anque apenas exerceu, e leva dez anos de alcaldesa. Opta á reelección por terceira vez e deste mandato lamenta «a oposición destrutiva do PSOE».
-¿Que balance fai do mandato?
-Foron anos complicados, pola crise, pero fomos facendo cousas, sobre todo conservar as pistas que, nun concello forestal coma este, van aos lugares pero continúan ata os montes e deterióranse moito. Fixemos o paseo do río Pontellas e a nave dos Casás para gardar a maquinaria restaurada, única; puxemos a calefacción na escola da Avispeira, para impartir cursos; melloramos o alumeado con leds para o aforro enerxético; aumentamos de 115.000 a 157.000 o gasto en axuda a domicilio, que ampliamos, e imos incorporar os domingos e festivos para os máis dependentes.
-¿Que proxectos teñen?
-Ordear o monte é prioritario; teño o compromiso de Feijoo de levar ao Parlamento a supresión das tasas para facer permutas entre propietarios, en zona rústica. Seguir mellorando o alumeado, as pistas, levando auga onde falta e o pidan os veciños, e saneamento. E colaborar coa iniciativa da asociación de turismo e co xeoparque do Ortegal. Estamos para oír aos veciños e procuro non prometer o que non podo cumprir.