Crónica das traxedias do mar de Cedeira

a. f. c. CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

JOSE PARDO

A biblioteca do CEIP Nicolas del Río e o museo organizan a exposición inaugurada onte sobre os naufraxios do Goizeko Izarra, o Manchester e o Villa de Cedeira

10 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Trala mostra Salseiro de recordos, que repasaba a historia recente do pobo de Cedeira a través de 200 fotografías recompiladas por alumnos, pais e docentes do CEIP Nicolás del Río, chega Crónica... Atalaia do Museo Mares de Cedeira, unha exposición que indaga en tres das maiores traxedias marítimas da vila, os naufraxios do Goizeko Izarra, en 1928; o Manchester, en 1936; e o Villa de Cedeira, en 1946. Desde onte xa se pode ver no Museo Mares de Cedeira, que promove esta iniciativa, xunto coa biblioteca do CEIP Nicolás del Río, e coa colaboración da biblioteca do IES Punta Candieira.

O título responde, por unha banda, ao barrio coñecido como Crónicas, por riba do museo, e tamén ao formato, un relato xornalístico composto por alumnos do colexio e do instituto, logo dun longo proceso de documentación, que os levou a consultar xornais e revistas da época en busca do rastro destas tres embarcacións. Xunto ás reproducións e ás pezas elaboradas polos rapaces proxéctase un documental, con imaxes e fragmentos das entrevistas realizadas polos escolares a familiares de vítimas e sobreviventes, ás que agradecen a colaboración. «Sen eles, sen os veciños, non se podía facer», subliña Carmen Lorenzo, docente do CEIP, integrante da directiva do museo e unha das coordinadoras do proxecto. Os nenos percibiron a emoción dos testemuños, «o sentimento con que contaban o ocorrido». No cartel da mostra reprodúcense estas verbas de Xosé Muíño, O Sabino: «O mar cobra con prebendas, Cedeira pagou con vidas, temos traxedias con lendas, que van quedando esquecidas». O interesante traballo feito por este equipo, da man do Museo Mares de Cedeira, contribúe dalgún xeito a mantelas vivas na memoria.

Manuel López Sueiras, cedeirense de 81 anos, perdeu a seu pai e a seu avó no 1946 

Xa pasaron 72 anos desde a desaparición do Villa de Cedeira, un trincado (embarcación a vela empregada para a pesca e o pequeno cabotaxe) que partiu do porto local cargado de leña, rumbo a A Coruña, e que nunca chegou ao seu destino. «É unha grande incógnita, as causas non se saben, o mar estaba en calma... É un misterio que pasou con ese barco», apunta no documental Tomás Mateo, mestre xubilado e neto político do patrón do Villa de Cedeira. Pero a narración máis conmovedora é a de Manuel López Sueiras, de 81 anos, que perdeu a seu pai e a seu avó: «Ao morrer un familiar tan achegado, as nais vestíannos todo de negro, eu botei dous anos totalmente de negro, as camisas, os pantalóns, parecía un cura... E na casa, miña nai, era unha traxedia, non podía ir ao cemiterio, o cemiterio era a casa». «O Villa deixaba pais sen fillos e fillos sen pais», sentencia un dos magníficos narradores de Crónicas.