Rafael López, recuperador da tradición do Samaín, só teme que se convirta nun «Hallowaín»
18 ago 2024 . Actualizado a las 14:40 h.«Fóra de portas», a Rafael López Loureiro (Cedeira, 1954) coñéceno polo seu traballo de investigación da milenaria festa das caliveras, o Samaín, que conseguíu recuperar en Cedeira, por Galicia adiante e por todo o norte peninsular, logo dun arduo traballo divulgativo, con publicacións e charlas, que non cesou. Na súa vila saben deste artista plástico que se fixo mestre, agora xubilado, -«o meu é o oficio máis creativo, ensinar a ler e escribir (sen libros, para pesar das editoriais)»- e ideou os encolados de sombras, «unha técnica propia nacida desde a escola», que require manexar as tesoiras, doado para este neto de costureira, «a señora Sara da Coca». Algo oíron tamén da súa faceta de naturalista e escritor, co blog Ao noroeste do Noroeste. Un día a súa filla Ana faloulle da festa de Halloween e aquilo sacudiuno.
-Pasaron xa 26 anos.
-Daquela dixen nunha entrevista neste periódico ?vou deixar a miña obra artística no tecido social de Galicia?. Preguntábanme como. Toda Galicia vai tallar caliveras. Necesito espazo (Galicia), tempo e base material, que era o meu traballo. Fun a Ponteareas, Vigo, Mondoñedo... Daba unha conferencia histórica sobre as caliveras, ensináballes o que se estaba facendo en Cedeira e animábaos a organizalo. Nunca me interesou que houbera cen mil samaíns, senón que a xente recuperara a tradición das caveiras, desde as súas bases antropolóxicas e non desde Halloween, compartindo as bases célticas. Redactei ponencias, que ofrecemos á comunidade científica; con Las calaveras de ánimas en la península ibérica déronse conta de que lles descubrira unha realidade etnolóxica que había en toda España e que non se apreciara.
-Todo nace en Cedeira.
-No 89 decido que debo compremeterme con isto, penso todo, e no 90 convenzo á sociedade cultural Chirlateira de facer unha festa. Eramos cinco, a directiva, José Luis, Vicente, Toñito, Emilio e eu. Hai un rebumbio de ideas e de aí faise a primeira festa, o 27 de novembro, porque para nós non había vencello con Defuntos, na miña infancia as caliveras faciámolas todo o outono, en canto viamos os melóns no terreo xa os iamos roubar.
-¿Funcionou desde o principio?
-Si. Collemos esa tradición e tres cousas xogaron a favor, que era real, estaba no corazón de todos os cedeireses, canto máis antigos mellor, e estaba esquecido. E a potencia plástica que ten na noite é extraordinaria, e estaba perdida. Naquela primeira festa tivemos 200 ou 300 persoas... En seguida o sentiron coma seu, porque era seu, non era inventado, foi o que eu chamo un exercizo de ecoloxismo cultural, recoller un trazo sobranceiro da antropoloxía ou a etnografía que está a punto de morrer ou esmorecente xa, colocalo nos tempos presentes e facelo vivir. Sen perder as esencias, hai que facer un exercizo de aggiornamento, de poñelo ao día, antes non tiñamos luz eléctrica e iso xa o cambia todo.
-¿Como evolucionou?
-Con moita vontade de resistencia (Chirlateira organizaou a festa dez ou doce anos e despois pasou a Amigos do Samaín).
-¿Non se terxiversou?
-Eles non teñen intención de terxiversalo, pero non é fácil controlar que non aparezan brujitas, que non apareza o Halloween.
-A expectativa inicial superouse.
-Contaba que me ía ser moi difícil conseguilo, pero que ía saír. Axudaron os medios (...). No 91 xa levei a idea á escola, aparte de ir por toda Galicia (e por media España; a partir deste traballo hai pobos franceses que teñen o seu Samaín e ata a capital irlandesa), porque era consciente do papel dos nenos para acadar os meus obxectivos persoais e artísticos de metelo no tecido social. En Galicia esta sempre foi unha festa infantil. Séguese traballando en case todas as escolas e institutos, sigo dando charlas.
-¿Que ambiciona agora?
-Que non se convirta nun Hallowaín, ese risco sempre está aí, a xente confunde, coas bruxas, cos zombis das películas americanas... Non podes competir con iso, pero estou orgulloso de que agora toda Galicia e todo o norte da península ibérica estea facendo festas de Samaín.