«Hai que ter un ollo no percebe e outro no mar»

Ana F. Cuba ORTIGUEIRA

CEDEIRA

Este veciño de Ortigueira de 82 anos, en tempos «o mellor percebeiro da volta», devece polo mar, tanto que retrasou a xubilación unha década.

03 nov 2015 . Actualizado a las 12:15 h.

En Loiba, onde naceu hai 82 anos, e nos arredores, a Pascual Caínzos Porbén considérano «o mellor percebeiro da volta». Tanto lle costou deixar de ir ao mar que retrasou a xubilación ata os 66 anos. «Ao principio boteino moito en falta, víaos cos prismáticos aos percebes en Maeda e levábame a vida. Como había gozar eu collendo neles!», recoñece, en Picón. «Coma o mar non hai nada -sentencia-, veño cada día (desde A Peneliña, a tres minutos, nun Volkswagen de 37 anos, que supera a ITV)». Hai anos viaxou a Madrid invitado por un amigo, co plan de botar alí un mes: «Aguantei catro días e díxenlle ?lévame ao tren ou collo un taxi?». Leva a vida de pedra en pedra, na costa que agora se fixo famosa por mor dun banco.

-¿Cando empezou a ir ao mar?

-Aos 16 anos, con meu irmán, seis anos maior. Tiñamos o bote na Ribeira do Carro porque vivía alí, onde nacín, na Casanova, e despois viñemos para Furnas, xa coas gamelas. Tiñan 4,20 metros de eslora, con tres ou catro homes. Iamos a remo ata Ortegal e máis aló da Estaca, ata a illa Coelleira e punta Roncadoira (Xove), tiña vela e botabamola cando había vento. Na dictadura estaba libre e traiamos sacos cheos de percebes, aquí habería uns 40 percebeiros, vendíamosllo a un do Vicedo que ía con eles a Xixón. Levabámolos para o salón de baile (na Casa do Xelo) e viñanos comprar alí, coma se fora unha lonxa, a tres pesetas o quilo.

-Entón non había neoprenos...

-Poñiamos unha chaqueta de augas, saltabamos nas pedras e cando viña o mar mollabamonos, en xaneiro, co frío... Despois viñeron os traxes e era outro problema porque daban moito calor. Noutra época vendiámolos na Coruña, iamos nun turismo alquilado e alí comprábanos por lotes. Unha vez, na Ribeira do Carro, collín unha piña de tres quilos, estaban indo a 25 pesetas e a un señor dun restaurante coruñés pedinlle 300 e comprouma. Queríao como reclamo para o escaparate.

-Coñece ben todas as pedras...

-E todas teñen nome. O Pechuco, Punta Billardeira, A Herbosa, Os Pirolos, O Baixo de Gómez (que dá moi bos percebes), Pé de Sildo (por un señor de Espasante que ía en zocas e quedoulle unha na calexa), Maeda, a Punta de Barral, O Ventureiro, a Pedra da Salsa, a Estaca, as baixas dos Muíños (dá moi bo percebe)... En Picón non son bos porque é pedra de pizarra. É moi guapo o das Tres Marías, tres pedras iguais, na Ribeira do Carro, e tamén o de Ladrido.

-¿Que máis pescaban?

-Por semana era o percebe e o sábado e o domingo iamos ao congrio e aos sargos, de noite, ao traqueo, rodeabamos a pedra da Sardiña coa rede e temos collido corenta ou cincuenta, cuns focos para desmallar. Unha noite apareceron os gardas (do desaparecido cuartel do Barqueiro) en Maeda, levabamos 105 sargos. Pensaron que estabamos desembarcando tabaco... Vendiamos polas casas, en Ribeiras e tamén no Barqueiro, por Santa Rosa encargaban moito congrio para as empanadas. Tamén fun varios anos ao bonito, no verán, porque o percebe pechaba do 1 de maio ao 1 de outubro. Os últimos percebes que vendín foi en Cedeira, do mellor (sinala o pulgar), foron a 120 euros o quilo.

-¿Tivo algún percance?

-Tenme levado o mar da pedra. Téñome quedado nalgún baixo pequeno e tirarme ao mar antes de que me levara, porque podes recibir un golpe. Sempre lle tiven máis medo á carretera que aos percebes, acostumámonos... Hai que ter coidado, nunca virarlle as costas ao mar, sempre cara a el, cun ollo no percebe e outro no mar. Para min é o rei do marisco.

-E tamén foi actor...

-Na primeira película que saín foi Matías, juez de línea, con Manquiña e Morris, todo rodado de noite, era duro... Despois andiven facendo de náufrago en Hotel Danubio, coa filla de Rocío Durcal. Aquí tamén se rodou O Tesouro, na praia do Coitelo, coa droga, Os Crebinsky... E houbo outra, cun helicóptero cativo. O cine gústame, si. Pero coma o mar, nada.

-¿E que lle parece o banco?

-Moi ben, isto non se coñecía e agora está no mundo enteiro. Mira que me teñen preguntado...