«O mel, moi mal, estamos rezando a ver se agora co brezo mellora algo»

A. C. AS PONTES / LA VOZ

AS PONTES

ANGEL MANSO

Manuel Ferreira, apicultor, é o responsable da Casa do Mel de Goente

29 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Ferreira, responsable da Casa do Mel de Goente (As Pontes), non é nada optimista sobre a colleita de mel desta campaña. «O mel, moi mal, estamos rezando a ver se agora co brezo mellora algo, é a única esperanza que nos queda, porque co eucalipto, cero, e coa silva, moi mal. Estamos traballando co brezo, a ver se nos defende algo», comenta. Achaca a situación ao tempo, igual que outros apicultores da zona, que destacan «a irregularidade» na produción deste ano.

-¿A que se debe esta caída na produción de mel? ¿Ten algo que ver a velutina?

-Neste caso o problema é a meteoroloxía, iso é fundamental e este ano andou todo descontrolado, unha primavera de moita choiva, sol de golpe... E así, as abellas non traballan. Ao revés do que pasou o ano pasado. As floracións duraron moi pouco, estragáronse coa auga, a de castiñeiro non se veu e a da silva, pouco máis, e así estamos.

-¿En que porcentaxe estiman a redución do mel?

-Algún socio [da Casa do Mel de Goente] di que ten a metade menos que o ano pasado, que foi un ano moi bo; outros falan da cuarta parte... Ninguén está igual que o ano pasado, iso é claro.

-Pero aínda se está extraendo agora das colmeas.

-Si, cando outro ano xa tería que estar sacado entre finais de agosto e comezos de setembro.