O BNG acusa a PP e PSOE de «especulación» polas vivendas frustradas no Sánchez Aguilera en Ferrol
FERROL
O voceiro nacionalista, Iván Rivas, defende que se modifique o actual convenio e se constrúa alí unha grande zona verde
09 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O anuncio do Goberno central de que non construirá no Sánchez Aguilera as 300 vivendas de aluguer asequible prometidas confirma, a xuízo do BNG que o desenvolvemento desa parcela «non é máis que unha operación especulativa que avalaron o PP e o PSOE. E que ámbalas dúas formacións, sostén o voceiro municipal nacionalista, Iván Rivas, «mentíronnos». Fixérono, defendeu, ao aprobar en marzo do 2023 «pola vía de urxencia o convenio e a ratificación do proxecto» da parcela. E considera que os dos partidos «teñen moi pouca vergoña» ao recriminarse a situación «cando a responsabilidade é mutua».
Rivas afirmou que as parcelas dotadas de edificabilidade xa non pertencen ao Ministerio de Defensa, senón que «foi o Estado o que as mercou quince días despois» de aprobarse o convenio con Defensa. «É a primeira evidencia de que aquel acordo plenario está pensado para financiar ao Ministerio de Defensa», declarou.
Trala renuncia do Goberno central a facer vivenda social alí sostén que o que se fará aí é «vivenda libre», de promoción privada: «Vaise especular con ese terreo», sostivo. E fronte a iso, o BNG defende a modificación do actual convenio para que ese solo adopte outros usos que beneficien máis aos veciños, nunha cidade, incidiu, cun 20 % do parque de vivendas baleiro. A súa proposta pasa por converter esa zona nunha gran zona verde, «que é unha necesidade máis importante que que por parte do Goberno do Estado se poida especular cun dos elementos máis importantes a nivel urbanístico na cidade».