Onte, xoves día 17, o Bloque Nacionalista Galego fixo pública a súa protesta coa falta de filmes en lingua galega no ciclo de cine de verán organizado polo Concello de Ferrol.
A formación nacionalista vocalizou as súas protestas a través do concelleiro Roberto Montero, que lamentou a actitude do goberno municipal na comisión matutina do pasado xoves. Deste xeito, Montero recriminou a exclusión completa do galego da súa programación.
Pola súa parte, o Tenente de Alcalde, Javier Díaz, xustificou esta decisión de non proxectar películas en lingua galega debido ás «visitas de xente de fóra». Ante isto, o BNG declarou que se trata dunha «actitude incomprensíbel» que saca a relucir «o auto-odio pola nosa lingua do Partido Popular.».
Dende o Bloque reiteran que esta acción constitúe «unha indolencia coa nosa lingua» e piden ao Goberno local que recapacite e inclúa filmes «no noso idioma».