Manolo Piñón: «Os libros sempre nos axudan, e merecen que os coidemos»

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

Carlos Carballeira

Afirma que «impulsar iniciativas culturais novas no mundo rural e fomentar a lectura é hoxe máis importante que nunca»

23 ago 2023 . Actualizado a las 00:37 h.

Manolo Piñón (63 anos), traballador de Recinor e entusiasta defensor do mundo da cultura, leva case dúas décadas salvando da destrución, e restaurando, os libros que a xente tira ao lixo. Libros que despois el vai doando a todo tipo de entidades, e que agora acaban de facer posible o nacemento dunha nova biblioteca na parroquia natal de Manolo, en San Mateo.

—Crear unha biblioteca en San Mateo, na Terra de Trasancos, era un dos seus vellos obxectivos...

—¡E tanto que o era...! Pero agora, por fin, conseguímolo. Entre todos. Unha biblioteca que está instalada no local veciñal, pero que non só estará aberta aos socios, senón que pode ser utilizada por todas aquelas persoas que queiran facer uso dos libros.

—Cantos exemplares ten a biblioteca que acaba de crear?

—A día de hoxe, arredor de 2.400. Pero esa cifra vai ir medrando. E creo que, ademais, medrará moi rapidamente. Porque cada vez hai máis persoas que, sabendo do meu empeño en darlles aos libros unha segunda vida, se poñen en contacto comigo cando se queren desfacer dalgúns exemplares. Por exemplo, porque marchan vivir a outro lugar. Por iso digo que os fondos desta biblioteca van seguir medrando moi axiña. E, con eles, os doutras moitas bibliotecas máis da nosa comarca.

—Como se aprende a amar os libros?

—Estando con eles e, sobre todo, léndoos. Así é como se aprende a quererlles. Os libros fan mellor a vida, sempre nos axudan, e merecen que os coidemos. Faime moi feliz que esta nova biblioteca xa sexa unha realidade. Ademais, penso que impulsar iniciativas culturais novas no mundo rural e fomentar a lectura é hoxe máis importante que nunca.

—E cal será o seguinte paso?

—O seguinte paso será conseguir que esta biblioteca de San Mateo sexa un verdadeiro centro de actividade cultural, con todo tipo de propostas vencelladas á lectura e aos libros.