«A vida no Ártico ten un ritmo lento e natural, hai tempo para todo»

gala dacosta / a.u. FERROL / LA VOZ

FERROL

José Pardo

Oijha e Philippe levan arte ata os recunchos máis afastados no seu barco de vela

19 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os franceses Oijha e Philippe proceden de Normandía e de Córsega, respectivamente, e estes días están atracados en Mugardos porque levan consigo o espectáculo Igloo, celebrado onte en Pontedeume. A súa historia é algo fóra do común, pois a parella coñeceuse en Groenlandia, nin máis nin menos, cando os dous decidiron cambiar o rumbo das súas vidas e abandonar os ritmos do mundo moderno. Xuntos embarcáronse nunha travesía que lles permite reunir as súas paixóns mentres percorren os lugares que máis lles interesan.

Philippe soñou dende neno con coñecer o estreito de Bering, con visitar Alaska e avistar osos polares. Tomou a iniciativa hai xa dez anos de deixar Francia e marchar de viaxe ao Ártico cuns amigos. Antes xa pasara doce anos no Brasil (proba disto é o seu perfecto portugués). Resolveu mercar un remolcador que pertencera á mariña nacional francesa e que acondicionou para facelo máis sostible. Alá onde ían amosaban á xente como era a vida no barco: puxeron paneis solares, instalaron un muíño e empregaron pintura ecolóxica, entre outras moitas eleccións que fixeron para volvelo respectuoso co medio.

Entón, Philippe pensou no illadas que están algunhas zonas do globo, especialmente no hemisferio norte, e no marabilloso que sería levarlles actuacións e espectáculos en directo. Decidiu establecer unha residencia artística en Groenlandia, onde convidarían a oito artistas de distintas disciplinas: músicos, escultores, escritores... «Pensei que sería interesante ver como poden crear nun ambiente tan distinto, onde case sempre é noite».