A «quinta de Galicia»

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

28 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estase a conmemorar a creación da Provincia do “Vierzo” (Trienio liberal), que ademais do Bierzo actual comprendía terras de Valdeorras e cachos da montaña de Lugo. No Bierzo a celebración faise dun xeito irregular e mírase con certa indiferencia. En Galicia a idea da provincia do Bierzo foi recollida como algo posible e positiva polo Bloque Nacionalista Galego, contando con que tal provincia había quedar dentro da actual Galicia. No parlamento galego a idea dun Bierzo galego (a quinta provincia) foi rexeitada por extravagante e o Bloque quedouse so. No Bierzo case nin se deron enterado. Os bercianos están noutras cousas, como a desindustrialización. A idea de esgazar León de Castela ven sendo traballada polo partido leonesista, que no Bierzo ten partidarios, mais poucos. Os partidarios de que o Bierzo sexa galego tamén son poucos e os partidarios de esgazarse da provincia de León, sen mover outras raias, sospeito que son máis dos que se contan. En León capital saben do Bierzo polos pementos, polo botillo, polas cereixas, polo viño mencía e porque a Ponferradina milita en categoría superior á Cultural Leonesa. En Ponferrada gusta que a Ponfe estea por riba da Cultural e así como alí teñen o estadio Reino de León, na capital do Bierzo xa pensan en darlle ao Toralín un título con ínfulas: Estadio Conde Gatón, Estadio Templario ou simplemente Bergidum Flavium. Habendo romanos a importancia queda asegurada. Por que falan da quinta provincia e non da primeira?