Unha taxa forestal

Ramón Reimunde TRIBUNA

FERROL

28 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Actualmente, concellos coma o de Viveiro piden suxestións para o proxecto dunha ordenanza que regule a conservación dos camiños públicos forestais trala corta e saca de madeira e biomasa, que tememos que conducirá a cobrar unha taxa forestal por tonelada de madeira cortada e transportada, por certo, peso que só coñecen o comprador e o vendedor, (e Facenda polo ive), cuestión esta que pode levar a enganos. A madeira no cargadeiro engana moito e habería que contabilizar os camións, por alguén coñecedor e contratado polo Concello e os afectados. É comprensíbel que en época de vacas fracas os concellos queiran recadar impostos. Mais o que non se comprende é que graven só a madeira, aínda que iso indica que saben onde está a riqueza do país, agora que falla a industria e turismo. Poden matar a galiña... Este asunto é moi complicado pola lenta tramitación, desde o punto de vista xurídico e económico, pois os concellos non teñen competencia para iso sen un inventario de camiños aprobado, nin hai leis nin decretos da Xunta aplicábeis a todos. Quen estraga as pistas forestais ao sacar madeira? Evidentemente son os compradores coas súas potentes máquinas e camións, única forma rendíbel hoxe (con procesadoras e autocargadores enormes), e xa non se poden facer á man. Ese é o quid da cuestión, porque quen se beneficia con prezos máis baratos e menor custo de aproveitamento é a fábrica destinataria, que tiña que axudar nas pistas deterioradas polos seus provedores, cun convenio xeral cos concellos, por exemplo. Por tanto, xa sabemos quen ten que pagar o arranxo se deixa unha pista en mal estado, tanto pública como unha particular vía de saca. Mais os empresarios forestais, que pagarán os custes de reparación con taxa ou sen taxa, repercutirán esa taxa rebaixando o prezo da madeira, co que ao final quen perde é o que vende a madeira, os parvos de sempre que antes vendían a vulto. Desde Promagal defendemos os intereses forestais de todo tipo dos donos dos montes, e iso parécenos totalmente inxusto e non estamos dispostos a admitilo. Fica o recurso de non vender madeira nesas condicións e denunciar o dano para que se arranxen os camiños como estaban antes do transporte. No historial deste tema figuran moitos incumprimentos dos madeiristas, a corrixir. Cal é a solución? Temos que preservar o ben común municipal. Os concellos deben coidar das infraestruturas e conseguir que quen as desfaga as repare. Para iso existen nalgúns concellos convenios asinados coa Asociación de Madeiristas de Lugo, que funcionan, obrigando aos empresarios asociados a reparar os danos, expulsando a quen non cumpra e non respondendo por el. E isto non pode ser unha escusa para pagar menos pola madeira. Porque da madeira vive moita xente, especialmente do eucalipto, moi abundante aquí, porque se plantou para sacar un rendemento do monte e abastecer a industria. Se tivese un prezo decente, entón non digo eu que non se puidese descontar unha cantidade para ter en boas condicións pistas e cargadeiros. Mais agora non o ten, e mentres non cheguen tempos mellores, sería bo non remexer, pois faremos aínda máis lama e rodeiras. Non xeremos malestar na xente con taxas á madeira, porque ela é a axuda para moitos.