Detectores de metais

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

24 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando inventaron tales aparellos houbo pandemia de buscadores de tesouros. Despois ou non detectaban correctamente ou non había tanto abondo ouro que apañar. Hai detectores de metais e mais de seres marabillosos, escorregadizos para os ollos. O meu amigo Fico era quen de detectar e ver unicornios. Pero non nos contos que mercabamos en Cacharrón, senón polas rochas de Ferradillo, famosas por ter sido agocho de fuxidos. Vía tamén lobos albinos polo río Boeza. Baixaban a beber dende as viñas de Lumbano. Ver demos non ten mérito, porque abondan. Son billóns, coma os euros da débeda. Pero aínda así non todos temos a capacidade de velos ou sentilos. Hai xente coa mente estruturada no xeito dos detectores de demos. Fico non tiña vibracións para os demos. Pero hai cregos, arcebispos e monxas, e mesmo ministros do interior, que si teñen falado con demos. Que como é o timbre da voz dun demo? Depende da especialidade das maldades ou trasnadas do bicho. Os que non cren nos unicornios nin nos demos están imposibilitados para falar do tema con seriedade, polo tanto non nos valen. Os que si cren é porque os viron. Ou os viron e polo tanto cren. Desculpen o meigallo verbal. Estas persoas son coma detectores sensibles de demos e bichería varia, aínda non clasificada pola zooloxía, e merecen ser escoitados e conservados como patrimonio da humanidade. Interésanos logo, e moito, coñecer aos demos. Eu, coa reforma laboral do PP na man, vou despedir ao anxo da garda que mos espanta.