O gregoriano e a moqueta

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

20 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha fin de semana de París coloquei moqueta en Sain Denis, nunha residencia de cregos. Tiñan fío musical con cántico gregoriano. O encargado da «troupe» de colocadores de moqueta era un toledán de Quero, bastante anticlerical que protestaba do tostón do gregoriano que non nos deixaba en paz nin na hora do bocadillo.

Algo tiña o cántico litúrxico porque cando tocaba dar a cola de pegar faciámolo con xeito, ao ritmo do sube e baixa da música. O caso foi que o toledán de Quero, cando escoitou un «Tantum ergo», cantado por monxas beneditinas, de súpeto deu en lembrar a festa do «Corpus» do seu pobo e soltáronselle unhas bágoas de emoción. Despois para disimular esa debilidade dixo que cantado por mulleres era outra cousa.

O do seren anticlerical lle viña porque un crego abusara da súa irmá que era un pouco mal acabada, pero non parva de todo, porque os tocamentos do crego lle daban noxo e contouno. A residencia de curas daba ao ábside da grande abadía onde están os sepulcros dos reis de Francia. Alí están Luis XVI e María Antonieta, axeonllados e representados con moita dignidade, ben lonxe dos horrores da guillotina da revolución. Parecen estar rezando o rosario ou mesmo escoitando gregoriano. Aquelas viaxes de estudante eran tamén de traballo: coller o primeiro metro, limpeza de despachos, abrir unha zanxa de drenaxe nun club hípico e este traballo de colocar moquetas.

Vimos moitas marabillas de París, pero o traballo tamén nos daba perspectivas realistas.