O medo e a maldade

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

22 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Amaldade existe e non hai que inventar demos para saber por qué sucede. Xa comentei que o demo, segundo os antropólogos, é unha metáfora do mal. A metáfora resulta cómoda para non investigar demasiado. Cando a maldade se encarna en xente intelixente é tremenda. Cando a maldade convive en cerebros parvos é unha pandemia. Non sabemos qué pode ser peor.

Lopezramón, un home sabio e bondadoso, explicaba a crueldade da Guerra Civil (facía autocrítica): «Todos tiñamos medo e sabiamos que a nosa vida dependía dun fío, da sorte. De estar no sitio equivocado, de atoparnos con inimigos tamén cheos de medo. O medo fainos crueis». Indubidablemente estamos nunha situación grave, que nos mete na alma incertezas e medos. Aparentemente disimulamos o medo, pero nos comentarios vexo crueldade, odio, demasiados improperios. Son os síntomas do medo. E despois están os aproveitados e egoístas, que tan só miran o seu beneficio inmediato.

Os estafadores que ven un negocio na tolemia do mercado sanitario. Ou os políticos que ven a ocasión magnífica que esperaban para alzarse co poder cun golpe de fortuna. Igual que os surfistas aproveitan a forza da onda, para esta xente a forza da pandemia é unha ocasión única. Non teñen outra cousa na cabeciña que a ansia de facer negocio ou de conquistar o poder xogando unha soa carta. A carta da ansiedade e do medo. Saben explotar a circunstancia. Miren como se odia, como se insulta... É o medo. Que ben saben algúns aproveitarse da forza da onda!