Falacia «ad hominem»

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

11 dic 2019 . Actualizado a las 09:10 h.

Falar con lóxica é un ideal civilizado. Pero case sempre cometemos falacias. Ou erros, como se ao multiplicar dicimos que 2x2= 5. Criticar a unha persoa en vez de escoitala é unha falacia. Nin a raza , nin a relixión, nin o sexo nin a nacionalidade, nin ser crego ou carpinteiro varían a lóxica da multiplicación... O exemplo máis estúpido de falacia ad hominem, «contra a persoa» foi o practicado polo goberno de Aznar cando o atentado islamista de Madrid. O goberno de Aznar acusou precipitadamente a ETA. Parecía lóxico. Pero portavoces de ETA negaron por televisión a autoría. Recibiron axiña ataques ad hominem. ¿Cómo crer a palabra dun criminal de ETA? Pero un criminal tamén sabe multiplicar ou dicir nun momento dado unha verdade sen deixar de ser criminal. ETA sempre reivindicou os seus atentados, demostración do seu poder de acción. Era a súa lóxica. Pero o goberno de Aznar non quería escoitar o que lle estaba a dicir ETA. Por contra a policía, con lóxica profesional, si entendeu o atentado de Madrid. A falacia ad hominem é unha falacia interesada. Agocha intereses vergonzantes. Asistimos hoxe á unha campaña de desprestixio contra a rapaza sueca, icono do ecoloxismo. Os ataques contra ela son constantes. Van dende o ridículo até o insulto noxento. Unha campaña teimuda e universal. Unha falacia ad hominem ou ad mulierem de manual que agora camiña por España, seguindo os pasos da mociña. Mentres a insultan ou se fan chistes non se escoita o que fala.