Humor inglés

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

05 jun 2019 . Actualizado a las 08:58 h.

Pasa por ser un humor sutil, intelixente ou alomenos especial. Moitos consideran este humor como superior a outros humores. Hai tamén quen di que os chistes ingleses están á altura da súa cociña. Poggio Bracciolini, autor dun libro de chistes, humanista do xéculo XV e buscador de códices de obras clasicas, estivo en Inglaterra e conta esta anécdota: Uns cabaleiros de varias nacións bebían viño da mesma xarra. Cando a xarra lle chegou ao inglés este meteu nela os dedos e quitou do viño unha mosca. Despois de beber o seu grolo volveu meter a mosca no viño e pasou a xarra ao seguinte nobre que era un alemán: “A min non me gustan as moscas, pero poida que a vostede si lle gusten...” ? díxo. ¿Humor inglés? ¿Individualismo supremo? ¿Porcallada? Todo o de Inglaterra gozou aura de superioridade. O imperio inglés foi o derradeiro da serie de imperios europeos. Vistos de lonxe os imperios son admirables, como Mugardos visto dende Brión. Non pensan igual os que teñen que sufrilos. Penso que o ciclo inglés está na fase de baixa imparable. Seguramente descubriremos axiña outro humor. A retranca chinesa, os chistes indios... aínda que sigamos petaquiños polos louros e louras de ollos azuis. O humor galego ten moito predicamento en Galicia e nalgún outro país que agora non recordo. En Madrid por exemplo non entendían a Rajoy e deixarono caer. Pasou o que pasou. Entender os chistes doutros países debería ser asignatura troncal. Útil para anchear o campo e o tempo da risa.