Nove adultos e unha cría deste ano, nadando xunto a súa nai baixo a superficie calma da ría, rota cada vez que subían a respirar. Sentir de preto o soprido dun arroas fai pensar nun ser próximo, cal parente esperado avisando da súa presenza. Unha familia de dez xa evoca toda unha festa familiar, á que ollamos dende o barco con certa nostalxia, vendo como o grupo evoluciona, uns a pescar, outros como a xogar, cruzándose entre si ou saltando para caer sobre o dorso. Mentres os miro recordo que a UNESCO nos convida, cada decimo sexto día de novembro, a lembrar a existencia diso chamado patrimonio, necesitado de aprecio e coidado. Ese algo é en parte material -edificios, monumentos e outros enxeños- mais tamén inmaterial, como a lingua, os costumes, as artes ou a cociña. Un e outro fan cada cultura, como ben nos decatamos cando ao viaxar ou recibir visitantes pronto se aprecian as singularidades locais.
O asunto é que o material tende a estragarse co paso do tempo, polo que pide mantemento; a máis patrimonio, máis recursos se demandan. O inmaterial ten perigos como o esquecemento ou, máis grave, o desleixo, favorecedor da nada enriquecedora uniformidade cultural. A Península é ben rica en patrimonio de ambos tipos. Vilas, cidades, paisaxes, costumes, gastronomía, tradicións musicais e un longo etcétera, son un atractivo turístico mundial, tamén unha responsabilidade. Nestas, a mente lémbrame que os arroases teñen tamén un patrimonio material que debemos coidar: o mar, os peixes; e non lles falta o inmaterial no coñecemento e habelencias aprendidas pola nai á cría, alicerce para desenvolverse na vida. Hai moito patrimonio polo que mirar.