A Xunta debe dar información

Manolo Varela TRIBUNA

FERROL

A Xunta demostra unha vez máis a súa incompetencia para solucionar un grave problema do agro. A vespa velutina, a avispiña do castiñeiro, o xabaril, a couza da pataca... Son moitas pestes xuntas que producen importantes perdas económicas, ademais de desanimar a quen traballa a terra ou cría gando de forma profesional ou para autoconsumo. No ano 2015 a praga da pataca apareceu en tres concellos da comarca de Ferrolterra, ao ano seguinte eran xa cinco e en 2017 xa había constancia dela en 31 municipios do norte galego; este ano suma un máis, Muxía. Decretouse a prohibición de plantar durante dous anos e obrigouse a levantar as plantacións de forma precipitada e sen informar á xente como sería debido. Non queremos que iso volva pasar, a Xunta asegura que a praga está controlada e penso que a Administración autonómica debe ir un paso por diante informando puntualmente de cando se vai poder plantar de novo. No caso da couza e doutras pragas, a Xunta ten que apoiar con máis medios o grande labor que fai o pouco persoal das oficinas agrarias. E tamén cubrir as vacantes que existen nestes servizos. Sen profesionais de campo, pouco se pode facer.