1968 en Compostela

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

Falamos con Ricardo Gurriarán do 1968 en Compostela, da revolta dos estudantes universitarios, do paso do «Gaudeamus Igitur» ao «Venceremos nós». Ricardo Gurriarán sabe máis daqueles meses de antes do maio parisino que moitos protagonistas dos feitos. A Historia ten un discurso global e xunta, peneira, selecciona datos, documentos, declaracións duns e outros, cunha perspectiva racional positiva. Pasámolo ben no Ateneo porque Gurriarán fala con verbas exactas e expresivas. A min parecíame estar diante do psiquiatra. O historiador remexía na memoria e aparecíanme palabras, feitos e mesmo xeitos de andar pola rúa que eu tiña esquecidos.

Esquecidos tamén pola fatiga política de tanta tensión emocional. Unha cousa quedou clara: o invento dunha nova estética. No vestir, nas cancións e sobre todo nas lecturas. «Nulla etica sine estética» que dixo o santo escolástico copiando aos clásicos. Con estética en gris perdes logo a batalla. É o que lle pasou á Ditadura. O 68 compostelán gañou a batalla da imaxe estética, ademais da batalla da razón política.

A aqueles mozos do 68 algún periódico chamounos: «Inmunda escoria» que despois pasou ser o título do libro de Gurriarán. O insulto, como a mentira, ten patiñas curtas. Non camiña moito. Lembro unha pintada: «Manzanas ceibes». Aínda que tamén apareceu por alì aquel libro de Lenin; ¿«Libertad para qué»? Tampouco Lenin podía coas arelas de liberdade. Por certo tamén pediamos máis ciencia, máis investigación na Universidade.